Festivais musicais de dezanove países, tentados pola música galega

Representantes de eventos que fan parte do programa 'Focus' visitaron a Deputación da Coruña, onde Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, lles animou a contratar música galega

goretti_womex_011
photo_camera Doretti Sanmartín na recepción aos programadores de 'Focus'

Directores de festivais, grandes eventos e centros destinados á promoción e difusión da música en todo o mundo participaron esta terza feira no acto que se desenvolveu no Salón de Plenos da Deputación da Coruña e no que a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, animou a que considerasen a inclusión de música galega nas súas programacións. “Estamos a vivir un momento excepcional para a música galega mais precisamos que se coñeza máis alá das nosas fronteiras e para iso os festivais de todo o mundo poderían ser un extraordinario escaparate”, sinalou a tamén responsábel da Área de Cultura. Entre o grupo de programadores que participan no programa 'Focus' hai representantes de festivais e centros culturais de Alemaña, Arxentina, Canadá, Chile, China, Corea, Dinamarca, España, EE.UU., Francia, India, Irlanda, Italia, Malaisia, Marrocos, Noruega, Polonia, Portugal e Reino Unido

A música, defendeu Sanmartín, é un camiño do máis acaído para que estas persoas participantes no programa Focus se acheguen a descubrir “un territorio dunha grande riqueza paisaxística e patrimonial e unha cultura viva, moderna e con moita tradición que busca canles para se dar a coñecer máis alá das nosas fronteiras”.

Agradeceulle a súa participación neste programa, previo á celebración da feira Womex, que ten como obxectivo mostrar a música galega ao vivo a persoas que son responsábeis de centros e festivais musicais e desexou que “contribúan abrir novas vías polas que transitar a nosa cultura", pois "teñen oportunidade de saber como sinte Galiza, cal é a nosa música e como se constrúe a banda sonora dun país que busca tamén as súas vías para se mostrar no mundo”.

No acto interveu tamén, en representación de programadores e programadoras, Lisardo Lombardía, director do Festival de Lorient mais natural de Asturies, que agradeceu a “hospitalidade lendaria” galega ademais de destacar a calidade musical galega, unida a súa cultura en xeral, destacou a relevancia que para Santiago de Compostela supón celebrar por segunda vez o Womex. 

Comentarios