Tanxugueiras “bota o Coliseum abaixo” e fai historia na Coruña

Tanxugueiras prometeu ao comezar o concerto “botar o Coliseum abaixo” e cumpriu. A cidade da Coruña acolleu un evento musical histórico que xuntou a máis de 10.000 persoas procedentes de toda Galiza.

Tanxugueiras A Coruña Z-h
photo_camera O Coliseum da Coruña ficou pequeno para acoller o concerto de Tanxugueiras. (Foto:@GermanQuimaso)

A lenda de Tanxugueiras é, aínda, máis grande após o concerto deste sábado na Coruña. As cantareiras mais internacionais da música galega encheron o Coliseum da cidade, o maior recinto fechado de concertos do noroeste da península Ibérica.

Os 10.000 asistentes ao evento agardaban un espectáculo inesquecíbel e non saíron defraudados. Ante un público entregado, Olaia, Sabela e Aida ofreceron un concerto que tardará moito en esquecerse.

O concerto estaba fixado como remate dunha xira de máis de dous anos que levou o seu disco Diluvio a boa parte da Galiza e do Estado. Porén, o grupo aproveitou o evento para estrear dous novos temas.

Artistas convidados

As cantareiras contaron na xornada coa presenza de músicos como Rayden, a quen acompañaron na súa despedida no Wizink madrileño, con Rozalen, nominada aos Latin Grammy e aos Premios Goya, Guadi Galego ou Mondra. 

Mondra foi, precisamente, o encargado de abrir o concerto con temas do seu primeiro álbum, Ardén, que deron paso ás grandes estrelas da noite, que coa súa presenza fixeron virse abaixo o complexo.

Tanxugueiras, que comezou a súa actuación á voz de “boa noite A Coruña... Bon, boa noite Coliseum, porque aquí hai xente de todas partes”, non deixou de amosar a emoción que lles producía o concerto e a entrega dos asistentes.

As cantareiras, que levaron o idioma galego a moitos lugares da xeografía española, fechan con este concerto unha etapa e avanzan outra. Neste contexto, enmárcanse os novos temas que presentaron onte.

Comentarios