Contracultura

Susana Sampedro: "Analizamos moito a personaxe de Carme en 'Matria' e buscamos moitos referentes"

Susana Sampedro (Ribeira, 1978) vén de ser recoñecida co Premio Mestre Mateo a mellor actriz de reparto polo seu papel de Carme no filme 'Matria' (Álvaro Gago, 2023). Sampedro aborda o percorrido da cinta así como a súa propia traxectoria.
A actriz Susana Sampedro. (Foto: Sabela Eiriz)
photo_camera A actriz Susana Sampedro. (Foto: Sabela Eiriz)

—Como recibe o galardón dos Mestre Mateo?
Con moitísimo agradecemento. É un premio que me dan as compañeiras e os compañeiros de profesión, polo que é máis emocionante aínda. Non creo que un premio te faga mellor nin peor, mais si que é un recoñecemento ao traballo feito, por iso non podo estar máis que agradecida.

—O seu súmase aos outros catro Mestre Mateo que recibiu Matria: mellor actriz protagonista, actor de reparto, dirección de fotografía e de produción.
Para nós foi como un feche de ciclo porque xa fai un ano da estrea de Matria. Por estas datas estabamos en Málaga, estabamos de volta de Berlín... E poder celebralo xuntos nesta gala dos Mestre Mateo foi moi emocionante. Botar a vista atrás e ver até onde chegou Matria, que eu tivera a posibilidade de estar neste filme, é unha marabilla. Non teño palabras. Estou agradecida por formar parte deste equipo. 

—Como foi traballar para dar vida a Carme?
A Carme fómola pulindo cando ensaiabamos. Álvaro Gago, o director, sempre conta que non tiña esta Carme na cabeza, mais que cando viu a proba que fixemos deuse de conta de que Carme tamén podía ser así, que era outra vía posíbel. Isto é algo que sempre acontece: o personaxe está escrito, mais despois depende moito de quen lle poña voz e corpo, sempre hai algunha variación.

Creo que el o conta mellor, como bo director que é. Digamos que el foi levando Carme polo sitio onde acabou chegando, porque el xa tiña unha idea que sigue aí. El sabe transmitir perfectamente o que quere. Carme e Ramona [a protagonista, que interpreta María Vázquez] son dúas persoas que están moi lonxe na vida, nun momento vital moi distinto, mais tamén acaban por parecerse moito noutras cousas. A Carme analizámola moito e buscamos moitos referentes, sobre todo o que Carme significaba para Ramona.

É unha persoa que aparece nun momento moi concreto da súa vida, aínda que son amigas de hai tempo, mais esa visita coa que chega significa algo moi concreto. Ademais, creouse un ambiente moi propicio para traballar a gusto e con moitísimo respecto, e creo que iso se percibe claramente na cinta. Hai unha parte do traballo que é moi intuitiva: cando xa estás formada nunha profesión e chegas a un novo proxecto, hai unha parte que é intuición, mais que tamén vén dada da análise da personaxe e de todo o contexto no que se está movendo esta. 

—Que vías lle gustaría experimentar agora?
Hai moito por facer. Comecei a traballar no audiovisual un pouco tarde, polo que tampouco considero que teña moita carreira feita. Quédame tanto por facer... Encantaríame facer algo relacionado co terror porque é un xénero que me dá moita curiosidade o como se fai unha vez que ves o resultado. Teño a mente bastante aberta porque quedei encantada con todas as cousas que xa probei -televisión, cinema, teatro-.

Isto é unha marabilla porque podo desfrutar de calquera cousa que faga. Interésame descubrir xéneros novos e cousas que aínda non fixen, sempre nun ambiente agradábel, de respecto e de familia. Por sorte, sempre estiven en equipos así e cada vez é máis común. Nesta profesión todo é novo, unha e outra vez. Comezas de cero cun equipo, cun proxecto, cun personaxe... E iso sempre é emocionante porque estás vivindo algo único.

Comentarios