Contracultura

Sonia Martínez: "Ao museo veñen descendentes de persoas que Sorolla pintou e lembran historias que contaban"

Sonia Martínez (Chinchilla de Montearagón, Albacete, 1984) é conservadora do Museo Sorolla (Madrid) e a comisaria da exposición 'Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia', que estará aberta ao público até o 10 de marzo no Museo de Belas Artes da Coruña.
A comisaria da exposición, Sonia Martínez. (Foto: Sorolla en Galicia)
photo_camera A comisaria da exposición, Sonia Martínez. (Foto: Sorolla en Galicia)

—Viaxar para pintar é un proxecto que abrangue exposicións en diferentes concellos no Estado. Cal era o obxectivo?
Desde o Museo Sorolla e a Fundación Sorolla queriamos trasladar a obra do pintor aos sitios nos que se produciu. Ás veces viaxaba simplemente coa idea de descansar mentres que outras se trasladaba por cuestións laborais, mais sempre aproveitaba para sacar algunhas obras. É un pintor moi prolífico e alá onde vai leva paletas de viaxe, caixas onde gardar os seus pigmentos e demais. Tamén houbo ocasións nas que se desprazou para pintar obras dun tamaño maior, de maneira que instalaba uns sets ao aire libre, ben na montaña ou na praia. Este proxecto comezou coa exposición de Donostia, que trataba de explorar o veraneo elegante xa que os Sorolla ían ao norte do Estado aproveitando o verán para socializar e descansar na zona.

Continuamos coa mostra de Toledo, que abría unha vía totalmente distinta: é o Sorolla rexeneracionista. El tiña vínculos coñecidos coa Institución Libre de Ensinanza, para a cal Castela tiña un significado importante. Seguindo con esta liña propuxemos a exposición de Sorolla na Galiza coa idea de falar das súas estancias nela.

Foron momentos moi concretos, tres viaxes, que se producen en 1900, 1910 e 1915. A mostra trata de contextualizar e pór en valor todas estas ideas dun Sorolla viaxeiro, que se despraza e que aprende dos sitios aos que vai e da xente coa que se cruza. Alén de todo isto, aínda ás veces chegan visitantes ao museo que son descendentes de persoas ás que pintou Sorolla e que lembran as historias que contaban, polo que me resulta curioso abrir as portas noutros territorios.

—Como comisaria da mostra, como percibe as críticas pola tendencia do pintor a representar a través de estereotipos?
Precisamente cando estabamos alí, a xente do Museo de Belas Artes da Coruña comentábao, que á xente lle ía impactar ver algunhas cousas porque non teñen que ver coa realidade. A súa estancia en 1915 en Vilagarcía de Arousa está relacionada cun encargo que el realiza para a Hispanic Society en Nova York. Trátase dun proxecto moi concreto: tratar de trasladar a visión de España en 14 paneis.

Nos bosquexos iniciais pódese ver como Sorolla tiña as ideas baseadas en estereotipos ou o que máis se asociaría aos territorios e no da Galiza, que se pode ver na mostra, aparecen a gaita, o millo, a pesca... Algunhas desas ideas desaparecen do panel final e outras se manteñen. Ao mesmo tempo fai unha mestura estraña, que non ocorrería na realidade, entre unha romaría e un mercado de gando.

Con todo, eu creo que hai que entender este encargo como o que é: a vontade de trasladar unha especie de resumo para que o viran nos Estados Unidos e pór en valor estas tradicións. Hai que pensar que se viña da guerra de 1898 e que España non estaba moi ben vista nos Estados Unidos.

—Cre entón que hai un valor etnográfico detrás?
Si. En moitas ocasións Sorolla chegaba aos lugares e pedía á xente que se vestira coas súas prendas de festa, que sacara as súas artesanías. Dáballe moita importancia a algo que comezaba a perderse. Ao pintala, en certa maneira fosiliza esta realidade e si, reduce moito unha idea, mais tamén é moi difícil plasmar moita complexidade en tan poucos metros.

Ao velo temos que ser conscientes do que fixo, do obxectivo que tiña. Hai unha frase que di nunha entrevista que reflicte moi ben a globalización que el percibía, aínda que non se chamaba así. O xornalista preguntoulle cal era o seu obxectivo e di: “Observaría vostede que todo o que queda típico na España pintoresca vai desaparecendo. Vestimos como os ingleses, tomamos té, bañámonos. Para ver os campesiños da horta con zaragüelles hai que agardar unha festa. Isto é o que hai que atrapar aínda, non?”.

Comentarios