Máis

Sobe a marea dorneira

Bota a andar en Ribeira a LXXV Singradura.
As rúas de Ribeira énchense de cor no 'Top Secret'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As rúas de Ribeira énchense de cor no 'Top Secret'. (Foto: Nós Diario)

Unha rifa e unha brincadeira foron o xerme, o 24 de xullo de 1948, da I Singradura da Festa da Dorna, en Ribeira (O Barbanza). Detrás da festa que se identifica no seu himno como a "máis rachada" está un boticario, Emilio Fernández de Sanmamede, que convenceu os seus amigos de que gañara unha dorna sorteada polo día do Carme, 17 de xullo.

Para celebrar tal fito, quixo organizar unha festa pola dorna, que en realidade non gañara, e así crearon a Real e Ilustre Confraría da Dorna, para organizar o 24 do mesmo mes a Festa da Dorna con dous actos centrais: un baile e a "solemne 0botadura" dunha dorna, que tivo que ser unha maqueta engalanada.

Este festexo tivo tanto suceso que se repetiu en anos sucesivos, adquirindo carácter benéfico a partir de 1952, até o día de hoxe, sumando xa 75 singraduras.

O 'Jran Prix de Carrilanas' é unha das actividades máis agardadas polas peñas de Ribeira. (Foto: Miguel Novo)
O 'Jran Prix de Carrilanas' é unha das actividades máis agardadas polas peñas de Ribeira. (Foto: Miguel Novo)

A Festa da Dorna 'navega' na actualidade coa imaxinación nas actividades, a participación e o humor matizado pola ironía retranqueira por bandeira, todo nun aparentemente caótico e carnavalesco fluír festivo, a chamada "marea dorneira", formada por ducias de 'peñas'.

Desde hoxe e até o 24 de xullo, as rúas da capital do Barbanza énchense de infinidade das cores que visten as peñeiras e os peñeiros. Competitividade e camaradería xúntanse a partes iguais nas diferentes probas: regata de embarcacións feitas á machada e propulsadas a pan de millo, certame de canción de tasca, gran prix de carrilanas, gran premio ícaro de voo sen motor, maratasón, e moitas máis, pondo o ramo a clásica cea-baile de gala (18 de agosto).

Máis de 30 bandas compoñen o cartel do festival Rock and Dorna, que decorre até. (Foto: Nós Diario)
Máis de 30 bandas compoñen o cartel do festival Rock and Dorna, que decorre até. (Foto: Nós Diario)

Sen que falte a música co festival Rock and Dorna. Todo nun ambiente ateigado de "capachos" de troula no que se materializa a cultura popular chea de modernidade e tradición.

Comentarios