'Sermos Galiza' recupera a memoria do 'Prestige' 20 anos despois da catástrofe

O maior desastre ecolóxico da Galiza, as súas consecuencias e todo o que removeu na sociedade galega protagonizarán o semanario deste sábado.
'Sermos Galiza' recupera a historia do 'Prestige' (Foto: Nós Diario).
photo_camera 'Sermos Galiza' recupera a historia do 'Prestige' (Foto: Miguel Riopa).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza. Nesta ocasión, e con motivo do 20 aniversario do afundimento do Prestige fronte á costa galega, o Sermos ofrece aos lectores e lectoras un especial sobre os ecos que deixou na Galiza o maior desastre ecolóxico da historia do país.

O semanario abre cunha peza do xornalista Ricardo Suárez, titulada Nunca Máis. A catástrofe do Prestige: 20 anos despois. Tal e como explica o autor, Sermos Galiza desprazouse a Muxía “para revivir aqueles días a través da conversa con parte das persoas que protagonizaron un movemento social sen precedentes”.

Nesta peza plásmanse os testemuños, entre outros de Javier Sar, patrón maior da confraría de pescadores de Muxía en 2002; o ex xefe de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra e investigador médico Francisco Vázquez Vizoso; ou a voluntaria nos labores de limpeza da marea negra Soledad Méndez.

A economía do mar

Prosegue o Sermos cunha entrevista de Xosé Ramón Ermida a María do Carme García-Negro, doutora en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e profesora de Economía Aplicada no referido centro educativo, que analiza o impacto do Prestige para a economía galega e a situación do sector pesqueiro do país.

Sobre os accidentes que se producen na nosa costa, García-Negro asegura que “non é unha casualidade, é unha tendencia que podemos dicir permanente, o que debería facer reflexionar ás autoridades respecto do risco elevado de permitiren en certos momentos do ano determinados tipos de transporte de mercadorías perigosas”.

A memoria da catástrofe

A segunda das reportaxes do semanario, Que facer coa memoria da catástrofe?, está asinada por Lucía Abarrategui, Sergio Pascual e Manuel Rey. Ademais, acompañan o texto as fotografías tiradas por Brais Lorenzo.

Nesta peza, Sermos Galiza repasa os restos do Prestige que aínda se deixan notar na Galiza. “A veciñanza dos lugares máis afectados pola marea negra sostén que os restos seguen presentes de moitos xeitos. Hoxe aínda é posíbel ver e ulir chapapote entre as pedras”, explican os autores da reportaxe.

Cinema e literatura sobre o 'Prestige'

No apartado de cinema, o experto Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por Encallados, do director Alfonso Zarauza (2013). “Encallados concibiuse coma unha metaficción infinda e recorrente contra o esquecemento após dez anos da catástrofe do Prestige. Agora, que se fan vinte, o filme de Zarauza continúa sen perder un ápice de enxeño e forza”, comeza a súa crítica o experto.

Pola súa parte, Tensi Xesteira recupera no apartado literario Nunca máis Galiza á intemperie, do escritor e columnista de Nós Diario Suso de Toro (Xerais, 2002). “Tantos anos despois, ler a Suso de Toro abre moitas feridas, quizais porque estas aínda non cicatrizaron. Mais esta lectura supón un exercicio claro de xustiza, de lembranza, de non esquecer, de seguir reivindicando”.

Comentarios