Galaxia recorda os 20 anos da traxedia do 'Prestige' coa publicación de tres libros

Fanse 20 anos da catástrofe do Prestige e a editorial Galaxia quere sumarse a ese aniversario e contribuír a construción do relato colectivo daquel desastre ecolóxico que marcou un punto de inflexión na sociedade galega.
Este 13 de novembro fanse 20 anos da catástrofe do 'Prestige' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Este 13 de novembro fanse 20 anos da catástrofe do 'Prestige' (Foto: Nós Diario).

Fanse 20 anos da catástrofe do Prestige e a editorial Galaxia quere sumarse a ese aniversario e contribuír a construción do relato colectivo daquel desastre ecolóxico que marcou un punto de inflexión na sociedade galega.

Esta contribución editorial materializase na publicación de tres libros que desde distintas perspectivas, xornalística, política, persoal, literaria e visual, pretenden pór luz e facer memoria daquelas xornadas do ano 2002.

Os libros

O xornalista Xosé Manuel Pereiro en Tal como foi, tal como fomos, un libro que el non quere cualificar nin como investigación nin como ensaio, procura na verdade do que pasou naquel naufraxio e posterior marea negra. No libro relata o desastre tal como foi, e conta como foron aqueles días en que segundo el "sufrimos un trastorno mental transitorio en que a solidariedade, o compromiso e o altruísmo estendeuse por todos os recunchos do noso país".

No libro colectivo Prestige, 20 anos 20 voces, vinte escritoras e escritores  galegos, encabezadas por Marilar Aleixandre, lembran coas súas propias palabras "aqueles días incertos e aciagos". "Vinte voces que berran todas a unha como aquel  afastado 20 de novembro de 2002", manifestan desde Galaxia. Ademais os autores e autoras cederon os beneficios deste libro en favor da Asociación para a Defensa da Ecolóxica da Galiza (Adega).

'Nunca Mais'

Santi Domínguez, narra a modo de diario persoal en Cando choraron as Cíes, aquel día en que "chorou o mar e milleiros de persoas se converteron en panos de mans para enxugar as súas bágoas e foron quen de berrar Nunca Máis". en palabras do propio autor.

Un libro que "trata de amor, dese amor que moitos e moitas lle demostraron ao mar cando estaba estragado pola negrura e a escuridade.  Un libro que contén os testemuños de homes e mulleres que, coas súas mans e o seu alento, foron capaces de defender o noso". indican desde a editorial Galaxia.

comentarios