Méndez Ferrín, o arraiano universal, protagonista do 'Sermos Galiza'

No número desta fin de semana analizamos tamén as orixes da bandeira da Galiza e a obra de Pedro Costa, alén de mostrar as últimas novidades no panorama musical, literario ou audiovisual.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Como cada sábado, Nós Diario trae este sábado, 11 de novembro, entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez o protagonista é Xosé Luis Méndez Ferrín, arraiano a tempo completo e escritor a tempo parcial. Entrevístano Aser Álvarez e Óscar Curros para falar dunhas obras coas que foi sempre na espeteira, abrindo camiños polos que transitaron as novas xeracións de autores e autoras do país, por iso é o 'Xefe Arraiano'.

"Dedícome a ler, a preparar artigos e investigar sobre temas históricos. Teño a vantaxe de que vivo en Vigo e teño a Biblioteca Penzol a man, que é un dos mellores lugares de concentración de textos, documentos e materiais non accesibles habitualmente, e podo acceder a eles sen afastarme da casa. Coa idade hai unha renuncia á mobilidade e móvome neste triángulo entre Vigo, Vilanova dos Infantes e o norte de Portugal", conta, sobre o seu día a día.

Transversal: o trazo azul da bandeira que hai en nós

O día 1 de febreiro deste ano 2023, a Real Academia Galega descubría no cemiterio de Santo Amaro da Coruña unha placa de honra a Manuel Murguía no seu centenario. A placa contén o trazo transversal da bandeira galega, que hoxe sabemos deseñada polo propio intelectual. É a mesma bandeira que foi vista por primeira vez no traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro a Bonaval, no mes de maio de 1891. E velaí que ese mesmo trazo transversal, oblicuo, de cor azul, é o mesmo que marcou xa mil días o centro da palabra nós, despregado no cabezallo do noso xornal.

Disto fala na reportaxe de apertura do semanario Pepe Barro, partindo do deseño da bandeira galega. "Dicía Marcial Valladares que el quería ser galego e, ademais, parecelo. Referíase a parecelo pola fala, pola lingua galega que empregaba. Un xornal coma nós non só ten que ser bo, para ser preciso e necesario tamén ten que estar redactado na nosa lingua. Esa condición, presente nos postulados da empresa editora, foi a que nos levou a promotores e deseñador a concordar en que o til central da palabra nós podería e debería ser un trazo azul transversal, descendente de esquerda a dereita. O xornal non só debería imprimirse na nosa lingua, tamén debería parecer galego a primeira vista, só con botarlle un ollo no quiosque de prensa, no cabezallo do computador, no chío do X, no avatar do Instagran. Velaí o acento que escintila cada mañá e van xa mil veces despregado ao vento. ", sinala o autor.

Pedro Costa: recuperar o canto, recuperar a palabra

A Fundación Luis Seoane da Coruña exhibe até o vindeiro 17 de marzo a exposición Cancións de Pedro Costa, unha aproximación á obra do cineasta desde a súa relación co canto e coa palabra. Sermos Galiza aproveitou a súa visita para falar con el nunha conversa pola que sobrevoou constantemente a sombra do que está a acontecer en Gaza. Cóntanolo Manuel Xestoso na segunda reportaxe.

"Durante anos, Pedro Costa encamiñábase todas as mañás cara a Fontainhas –un barrio marxinal na periferia de Lisboa que acolle unha comunidade de emigrantes caboverdianos– e filmaba pacientemente os seus habitantes: a Vanda de No quarto da Vanda, unha muller adicta á heroína; o Ventura de Juventude en marcha ou Cavalo dinheiro, un albanel xubilado con grandes eivas físicas e que padece brotes de esquizofrenia; a Vitalina de Vitalina Varela, unha muller que deixou un fogar construído coas súas propias mans para ir buscar o seu home, engulido polo barrio. Personaxes que aparecen unha e outra vez nos filmes do director lisboeta, que reproduce a través deles a vida nunha comunidade na que se reflicten os grandes e pequenos feitos dos que quedan fóra da vista da sociedade", afonda o xornalista.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Susana Sanches Arins analizan na sección de Libros as novidades do sector, a comezar por Burbullas de calma serena, de Andrea Maceiras (Cuarto de inverno, 2023), e A pintura debida, de Fabio Rivas (Xerais, 2023).

No apartado musical, Belém Tajes analiza o disco Corsé, de Clara Peya (Vida Records), así como outras obras de estrea, mentres César Morán asina o artigo titulado Hannover 20-4-70. E o experto en cinema Andrés Castro bota unha ollada á carteleira actual, comezando por Retribution, de Nimrod Antal (EUA).

O colectivo Xea, na sección Andar e Ver achéganos ao parque natural Montes do Invernadeiro, mentres Manuel Xestoso analiza no apartado de Escena O pequeno poni (Redrum Teatro).

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios