A cultura que arrodea a máxica noite de San Xoán protagoniza o novo 'Sermos Galiza'

A reedición e edicións inéditas da obra completa de Manuel García Barros, 'Ken Keirades', e unha entrevista ao xornalista e profesor Luís Álvarez Pousa sobre a repartición de axudas públicas á prensa e a autocensura dos medios completan, alén da oferta musical, cinematográfica e literaria, o novo número do semanario, á venda esta fin de semana.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. O San Xoán e toda a cultura que arrodea esta máxica noite na Galiza centran a publicación, da man do autor de San Xoán: coñecemento do medio cultural galego (Baía Edicións, 1996), Felipe-Senén López, que asina a reportaxe 'Cultura e aculturación no San Xoán, a cuadratura do círculo: terra lume auga e vento'.

"Teimaba Vicente Risco, e tíñao ben sabido e compartido cos seus “inadaptados” seguidores, que na cerna do espírito galego, isto é da cultura, había dúas profundas raiceiras: a celta e a cristiá. Celtismo e cristianismo embebidos de orientalismo orixinario, con canto este reporta de interacción paisaxe-paisanaxe, de espiral, de canto á vida e á esperanza. Sentimento que agroma en celebracións cíclicas, as que están en relación co mundo agrario e gandeiro, propicias aos países de confín, aos que emproan ao océano céltico, dende Iberia ao Báltico", comeza o seu relato.

Luís Álvarez Pousa, xornalismo a contracorrente

A entrevista deste novo Sermos corre a conta de Montse González, que conversa co xornalista e profesor Luís Álvarez Pousa, director da revista Tempos Novos, sobre o seu ensaio Medios e políticos, baixo sospeita (1990-2023), no que pon de manifesto a concesión de axudas para a prensa, a maioría delas sen transparencia nin control, a cambio de facerlle a vida agradábel ao poder renunciando á función social do xornalismo.

"O máis grave hoxe é a autocensura. Hoxe, como diciamos, non hai unha lexislación que ampare os periodistas, aos que non quero nin escusar nin “matar”. Un dos instrumentos para reforzar a autocensura é poñer por diante o concepto de obxectividade. Entendendo a obxectividade como descrición dos feitos. A obxectividade debería ser o resultado de indagar no que está oculto detrás do que acaba de suceder. Non hai periodismo sen indagación, sen investigación", apunta.

García Barros volta á vida

Manuel García Barros, Ken Keirades (Berres, A Estrada, 1876-Callobre, A Estrada, 1972), persoeiro que tivo que convivir, loitar e demostrar o seu compromiso con Galiza en todas as frontes e nas máis variadas etapas ao longo do seu case século de vida estaría mesmamente feliz e realizado coa reedición das súas dúas ultimas alfaias literarias (Enredos e Dos meus recordos) que veñen culminar aquel proxecto encetado en 2019 da reedición e edicións inéditas da súa obra completa e que foron presentadas a pasada quinta feira no concello da Estrada. Sobre isto escribe na segunda reportaxe do semanario Carlos Loureiro.

"Ao final hai que se ir", foron as súas últimas palabras, as palabras dun loitador galeguista de sempre, un home que sempre levou na súa lapela a liberdade, a cultura e a "emancipación do labrego", e sempre a bandeira do noso idioma e da nosa Galiza.

Literatura, música, cinema... E máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Susana Sanches Arins analizan na sección de Libros as últimas novidades do ámbito editorial, a comezar por Memoria do Vigo proletario. 590 aniversario da Folga Xeral de setembro de 1972 (Galaxia, 2022), de Carlos Morais, Xavier Moreda, Isidro Román Lago e Anxo Padín, e unha retrospectiva do libro O segredo da Pedra Figueira(Xerais, 2011), de María Xosé Queizán.

No apartado musical, Belém Tajes analiza a obra de Lucía Aldao a través do seu disco Pava2 (Autoeditado, 2021), ao tempo que o equipo de Sermos achega tamén as últimas novidades no panorama musical da Galiza. Pola súa parte, César Morán asina un artigo titulado 'Plágio e intertexto, todo paira sobre nós'.

E o experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Posesión infernal: o espertar, dirixido e guionizado por Lee Cronin (Irlanda-Nova Zelandia-EUA, 2023), así como outras recentes estreas na gran pantalla. Aliás, o colectivo Xea trasládanos ao litoral de Muxía na sección Andar e ver, mentres Manuel Xestoso, no apartado de Escena, analiza a obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego. E o artigo que presenta este novo número do semanario asínao o escritor Lois Diéguez e leva por título 'Día negro cunha chisca doce'.

E, por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios