CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Scorpions: return to forever

Un clásico absoluto. Scorpion. Unha nova entrega do noso crítico de rock e outras lerias.

Scorpions
photo_camera Scorpions

Nada menos que 50 anos son os que leva en activo esta lenda do rock chamada Scorpions e non hai mellor xeito para celebralo que sacando este novo disco: “Return to forever”.  Non nos atopamos cun disco espectacular á altura de “Love at first sting” ou de “Blackout”, pero si que atopamos un disco no que Klaus Maiine, aos seus 67 anos, segue a demostrar que a súa voz é un prodixio da natureza e segue en plena forma. Aínda así, bótanse en falta ese riffs enxeñosos e salvaxes aos que Schenker nos tiña acostumados.

O disco comeza cun aire de hard rock en “Going out with a bang”, un tema de escoita sinxela, mais algo tímida para abrir o disco e darlle paso ao que é o primeiro single, “We built this house”, un medio tempo comercial pensado para soar nas radios no que a banda nin innova nin arrisca. Por sorte, “Rock My Car” dálle ao disco ese pulo roqueiro cun recendo oitenteiro que namorará os máis fans da banda alemá.

Klaus Maiine, aos seus 67 anos, segue a demostrar que a súa voz é un prodixio da natureza e segue en plena forma

E se falamos de Scorpions, non poden faltar as súas míticas baladas. “House of cards” é a primeira balada do disco ao mais puro estilo das súas baladas douradas. “All for one” volve á liña roqueira, mais é un deses temas monótonos que é mellor non gravar ou directamente pasar a súa escoita para chegar a “Rock 'n' roll band”, unha regravación en formato eléctrico do tema que xa gravaran en directo en acústico no 2013 en Hamburgo. Unha bomba que volve a subir o listón de calidade do disco e lembra os Scorpions dos mellores tempos. 

Avanzando no disco, atopamos de seguido “Catch your luck and play”, que marca de novo a preferencia da banda polo hard rock melódico. Un medio tempo cunha estructura clásica e un dos mellores solos do disco, que xa se botaba en falta, e uns coros oitenteiros. Descolocado deixa o seguinte tema, “Rollin' Home”.  É outro deses temas que na primeiras escoitas non sabes que fai no disco, pero co tempo vai entrando. Non é un tema para a historia, senón excesivamente pop para o meu gusto, pero fica correcto.

“Hard rockin' the place” volta a quentar o ambiente. Unhas guitarras máis salvaxes e cortadas lembran que estamos antes un disco de rock nos que Scopions se reinventan e afástanse de convencionalismos compositivos. Un subidón de adrenalina preciso para dar paso a “Eye of the Storm” outra balada creada ad hoc para que Klaus poida lucir a súa capacidade vocal. Un retrouso pegadizo e unha composición melancólica que pide sacar o chisqueiro de principio a fin. E así chegar ao “The Scratch”, o tema que pecha a edición estándar do disco. Unha canción diferente e divertida, cun ritmo moi marcado e  un retrouso sincopado que dá un sopro de aire fresco ao disco, demostrando que a banda aínda ten moito dicir.

“Return to forever”, non é un disco imprescindíbel mais si necesario se che gusta o Hard Rock  e por suposto se es fan Scorpions

“Return to forever”, non é un disco imprescindíbel mais si necesario se che gusta o Hard Rock  e por suposto se es fan Scorpions. Está editada tamén unha edición de luxo que inclúe 4 temas máis e un bonus track especial para quen merque o disco en iTunes. Este traballo está lonxe de converterse nun clásico pero é un bo disco que non defrauda e que demostra por que após de 50 anos Scorpions seguen ao pé do canón.

Vídeo: We built this house 

Listaxe de temas
1. Going Out With A Bang 
2. We Built This House 
3. Rock My Car 
4. House Of Cards 
5. All For One 
6. Rock’n’Roll Band 
7. Catch Your Luck And Play 
8. Rollin’ Home 
9. Hard Rockin’ The Place 
10. Eye Of The Storm 
11. The Scratch 
12. Gypsy Life 

Scorpions na rede
Web: www.the-scorpions.com
Facebook: www.facebook.com/Scorpions
Twitter: @scorpions

Comentarios