Sara Fandiño dirixirá a gala duns XXVIII Premios María Casares que homenaxearán o teatro musical

A gala conta cun elenco conformado por Alba Tojeiro, Germán Prenta, Iván López Estévez, Iván Márquez, Mario Lagoas, Rocío Salgado e  Verónica Peiteado. A directora da gala e Alexandro González encárganse das composicións musicais

Sara Fandiño. (Foto: Gonzalo Trujillo)
photo_camera Sara Fandiño. (Foto: Gonzalo Trujillo)

Sara Fandiño (A Coruña, 1989) dirixirá a gala dos XXVIII Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o día 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña, nunha gala que procurará homenaxear o teatro musical.

Fandiño, que asinará xunto a Alexandro González as composicións, contará cun elenco conformado por sete intérpretes: Alba Tojeiro, Germán Prenta, Iván López Estévez, Iván Márquez, Mario Lagoas, Rocío Salgado e Verónica Peiteado. Deste modo, Fandiño unirase este 2024  a unha nómina de profesionais e compañías que nos últimos anos se encargaron de dirixir a gala dos María Casares e na que se inclúen nomes tan destacados da escena como son Talía Teatro, Chévere, Paula Carballeira e Chiqui Pereira, Carlos Álvarez-Ossorio ou Marcos Ptt, quen se encargou da edición de 2023.

Sara Fandiño sinala que a gala será un tributo ao teatro musical, "tanto ao internacional como o que nos é máis próximo", e adianta que ao longo do espectáculo que acompañará a entrega dos María Casares haberá "referencias directas" a escenas ben recoñecíbeis deste xénero que forman parte xa do "imaxinario colectivo". Para levar a cabo a gala, a directora conta cun elenco experimentado no teatro musical.

 

Sara Fandiño naceu na Coruña en 1989, está titulada en Arte Dramática pola Real Escuela Superior de Arte Dramática de Madrid, licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e conta coa titulación oficial de técnico nacional de Ximnasia Rítmica outorgada pola Federación Española. Dirixe a Escola Galega de Teatro Musical, un proxecto escénico nacido na Coruña en 2019 que combina a vertente de compañía de teatro musical e centro de formación.

Así, distribúe como compañía profesional espectáculos do xénero como O candil, crea montaxes como compañía amadora e ofrece cursos continuados ao longo do ano para fomentar novos talentos.

Dezanove espectáculos competirán na gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o día 21 de marzo. Os galardóns están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan habitualmente co apoio e o patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou Gadis.    

Comentarios