Marcos Ptt dirixirá a gala dos Premios María Casares

A entrega dos galardóns celebrarase o xoves 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña e será retransmitida por streaming a través da canle de Youtube da AAAG.
Marcos Ptt.
photo_camera Marcos Ptt.

Marcos Ptt (Lugo, 1977) dirixirá a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, que decorrerá o próximo día 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. O guión da cerimonia estará asinado polo propio Ptt xunto Antón Coucheiro, mentres que o elenco estará conformado por Natalia Outeiro Pajarito, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o proio Ptt. A música correrá a cargo de NachoFaiaLar (trío de Nacho Muñoz, Faia Díaz e Lar Legido), o deseño tanto do vestiario como da escenografía será de Carlos Alonso e a iluminación, de Dani Pais. 

Durante a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG), terán gran protagonismo disciplinas artísticas como o circo, os monicreques ou o cabaré. A gala emitirase por streaming a través da canle de Youtube que a AAAG mantén para os Premios María Casares. 

 

Quince espectáculos 

Marcos Ptt, artista multidisciplinar vencellado ao teatro, ao teatro de obxectos e o novo circo, exerce como actor, showman, bailarín de claqué, clown e director de escena. 

Desde os seus inicios profesionais, traballou con compañías como Belmondo, Chévere, Producións Teatrais Excéntricas ou Pistacatro. En 2006, fundou El Retretre de Dorian Gray xunto ao mago Ezra Moreno. Con esta formación estreou espectáculos como Retrete Cabarete, In memoriam, Rúa Aire ou Ne me quitte pas.     

Un total de 15 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala dos María Casares. O Premio de Honra Marisa Soto seralle entregado a Cloti Vaello. 

Comentarios