Paula Mayor asina o cartel dos Premios María Casares de teatro

A relación de finalistas deste 2024 coñecerase o próximo martes 20 de febreiro durante a Festa de Finalistas. Cris Collazo presentará o acto
Paula Mayor dedícase á ilustración e ao deseño editorial. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Paula Mayor dedícase á ilustración e ao deseño editorial. (Foto: Nós Diario)

Paula Mayor asina o cartel dos XXVIII Premios de Teatro María Casares. A Xunta Directiva da Asociación de Actrices e Actores de Galiza, entidade organizadora dos galardóns, confía este ano na ilustradora coruñesa o deseño da imaxe dos premios, dando continuidade á iniciativa de encargar o deseño dos carteis a diferentes artistas co obxectivo de estreitar relacións entre o sector escénico e o ámbito da ilustración, da banda deseñada e do deseño gráfico. 

Paula Mayor (A Coruña, 1975), exerceu como ilustradora, maquetadora ou deseñadora para os ámbitos da edición, do téxtil, da publicidade e das redes sociais. Dentro do eido da ilustración, amosou a súa versatilidade en proxectos de literatura infantil, na realización de portadas para libros e discos, a creación de carteis para organismos públicos e participou en diferentes exposicións como a colectiva Picasso na casa, que pode verse actualmente na Casa Picasso na Coruña. A súa actividade no mundo da banda deseñada foi merecente de galardóns como o Premio Castelao 2023. 

Para o cartel dos Premios de Teatro María Casares, a autora sinala que apostou pola "estética do cómic" co obxectivo de crear unha ilustración "dinámica" na que o "movemento e a vida" combinasen cunha "vontade onírica". Mayor, ademais, centrouse nos "conceptos marítimos" e incluíu "elementos simbólicos" como o polbo, a maruxaina ou o castelo de Santo Antón para vencellar os Premios cun "espírito atlántico".  

 

Festa dos Finalistas o 20 de febreiro

Os espectáculos e profesionais finalistas dos María Casares daranse a coñecer o vindeiro día 20 de febreiro, durante a tradicional Festa de Finalistas que este ano volverá celebrarase en Santiago, na Cafetería Lasso do Auditorio da Galiza. A actriz Cris Collazo encargarase de conducir o evento. 

A gala de entrega terá lugar xa o xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os Premios María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) desde a súa posta en marcha en 1997.

 

Comentarios