Contracultura

Samuel Nión-Álvarez: "Coñecemos moitos xogos de mesa da época romana, mais este é da Idade de Ferro"

Samuel Nión-Álvarez, investigador posdoutoral, dirixe o equipo de arqueólogos do grupo Síncrisis que atopou o que podería ser “a expresión lúdica máis antiga coñecida na Galiza”. Nión-Álvarez aborda os comezos da investigación en Castro Curbín (Arzúa), onde foi atopado un taboleiro de cerámica xunto con fichas, así como a evolución dos estudos sobre xogos antigos dentro e fóra do país.  
O grupo Síncrisis, do que fai parte o investigador, atopou un xogo de mesa en Castro Curbín (Arzúa) (Foto: Nós Diario).
photo_camera O grupo Síncrisis, do que fai parte o investigador, atopou un xogo de mesa en Castro Curbín (Arzúa) (Foto: Nós Diario).

Como se atopou o taboleiro en Castro Curbín?

Unha das cousas máis sorprendentes é que todo vén dunha campaña única que se fixo en setembro de 2021. Esta foi unha colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Arzúa -que foi o interesado en pór en marcha os traballos- e a Dirección Xeral de Patrimonio -que foi quen financiou a investigación-. É a primeira escavación que se fixo no castro -queremos continuala este ano se conseguimos o financiamento- e o taboleiro foi atopado pegado á muralla. 

A decisión de escavar nesa zona en concreto foi porque hai casos nos castros do interior da Galiza nos que se coñecen depósitos con carácter relixioso levados a cabo nesa zona. Son depósitos intencionais nos que se fan lumes e se rompen algúns cacharros, depositando materiais como bronce ou coitelos. Esta era unha hipótese que nós queríamos confirmar e precisamente serviunos para volver analizar os materiais desde outro punto de vista, desde a lóxica de que é un depósito intencional na contorna das murallas. 

Cales son as características deste taboleiro?

É un quebracabezas, son case 200 fragmentos dunha peza da que non coñecemos o tamaño. Para comezar, soubemos que era unha especie de taboleiro porque varios dos fragmentos tiñan ocos non perforados, como buratos cunha base na que se podía encaixar algo. Por iso, nun primeiro momento, pensamos que podería ser un molde, aínda que as demais características da peza non encaixaban, mais despois reparamos en que había unha gran cantidade de fichas de cerámica como as que utilizamos agora nas famas ou no parchís e que encaixaban perfectamente neses ocos. 

O interesante, aínda que as pezas que tiñan ocos eran bastante poucas, foi que nalgúns fragmentos puidemos ver que había unha sucesión de ocos coa mesma distancia entre si, co cal podemos asegurar que, como mínimo, había dúas filas e dúas columnas de buratos. A finais do ano pasado tamén conseguimos financiamento para a datación de Carbono 14, que confirmou a nosa hipótese de que pertencía á Idade do Ferro, entre os séculos II e IV a. C. O interesante disto é que sexa anterior a Roma, porque coñecemos moitos xogos de mesa desa época, mais con isto conseguimos certificar que, cos datos actuais, esta sería a expresión lúdica máis antiga coñecida na Galiza.

Hai que ter en conta que foi case ano e medio no laboratorio, limpando as pezas e acudindo a estudos doutras partes do mundo, porque non hai tantos estudos sobre xogos antigos. Levou bastante tempo poder chegar a esta conclusión e tampouco podemos dicilo con total rotundidade, mais si que é a hipótese máis sólida.

Por que non hai tantos estudos sobre o tema?

Hai unha frase do arqueólogo francés Jean Olivier que di que en arqueoloxía só sabemos recoñecer aquilo que nos ensinaron. Se non sabes como identificar algo, non o vas facer aínda que o teñas diante. Por unha parte, precisas que haxa restos, porque moitos xogos non deixan rexistro material, e por outra, precisas unha investigación que saiba identificalo e transmitilo.

En Chipre, hai bastantes anos, identificaron bastantes taboleiros da Idade do Bronce e houbo unha persoa que soubo ver a súa finalidade lúdica. A día de hoxe é unha investigación que alí ten bastante recoñecemento e que serve para entender os contextos nos que se utilizaban, nos que se rompían... 

Para o noso caso, eu acudín a estes estudos, mais tamén a outros realizados en África, Arabia, Serbia ou México, e non porque teñan unha relación directa, senón porque para comprender as expresións desta dimensión lúdica, hai que ir a lugares onde xa se está neste proceso. 

Comentarios