Máis

Ponteceso celebra a lingua

O Festiletras reivindica a música e a literatura
Mallou Capa
photo_camera Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez integran o dúo Mallou. / Pedro Galbán

Ponteceso (Bergantiños) é unha terra vencellada á cultura e á literatura desde hai séculos. A tradición galega máis brillante reside tanto nas letras como na música, os dous piares do Festiletras.

O festival naceu no nadal de 1982 e chega até a actualidade. Despois de varias décadas, esta cita segue máis viva que nunca, convidando algúns dos nomes máis prometedores da cultura galega en diferentes ámbitos.

Entre hoxe e mañá poderase desfrutar de actividades a partir das 11 horas, momento no que abrirá o mercado organizado pola Deputación da Coruña. O mercado acolle unha feira de artesanía. Esta iniciativa pon en valor as manifestacións artesás propias de múltiples recunchos do país, desde o norte até o sur. Esta cita forma parte da rede de feiras que decorren na Costa da Morte xunto á mostra do Encaixe de Camariñas e a mostra da Olaría de Buño. 

Durante a primeira xornada do Festiletras o público poderá desfrutar de espazos literarios, ruadas e dos concertos. Entre os nomes dos artistas convidados figuran Moura, Catuxa Salom, Familia Caamagno, Eskorzo e Throes+The Shine. O acompañamento musical da xornada correrá a cargo da banda de gaitas Inllar.

O domingo o público terá unha nova oportunidade para mercar produtos artesanais na feira. A xornada estará amenizada por varias ruadas que percorrerán as prazas de Ponteceso.Ás 11 actuarán Os Viqueiras de Ordes. Xa durante a tarde, será a quenda dos Mozos de Donaire e posteriormente os Farrapos.

Os concertos terán lugar a partir das 18 horas. Mallou e Xabier Díaz poñerán o ramo á XLI edición do Festiletras, que volverá o próximo ano.

Comentarios