venres 22/01/21
Estrea de S.E.X.

Moito máis que unha webserie sobre sexualidade

A produtora Illa Bufarda estrea S.E.X. Moito máis que unha webserie sobre sexualidade... Un proxecto en colaboración coa Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (ASEIA). Alén de informar sobre o tema, o proxecto máis amplo busca espertar interese e crear un espazo de comodidade para resolver dúbidas e discutir cuestións que en moitos eidos educativos aínda son tabú.

[Foto: Illa Bufarda] Fotograma de S.E.X.
[Foto: Illa Bufarda] Fotograma de S.E.X.

“Somos S.E.X.” declaran directamente a cámara Sara, Eduardo e Xela, cuxas iniciais dan título á nova webserie de Illa Bufarda. O formato youtuber preséntanos tres rapazas que falan cunha linguaxe propia dos medios dixitais, que vai directa ao sector de público que busca implicar. A primeira tempada, a que está producida, contará con 6 capítulos que se van estrear mensualmente.

Sabela Igrexas, de Illa Bufarda, conta que levaban tempo coa idea de facer unha webserie en galego con esta temática, mais non atopaban financiamento para levar a cabo o proxecto. Cos premios Luísa Villalta a proxectos pola igualdade da Deputación da Coruña viron a oportunidade. Mais precisaban asesoramento a nivel de psicoloxía e sexoloxía. Entraron en contacto coa Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (ASEIA) a través do libro “La lucha sexual de los adolescentes en la hipermodernidad”, de Ricardo Fandiño Pascual e Vanessa Rodríguez Pousada.

Contado por adolescentes

“Noelia Liñares Mayo, Ángel Calo e Iria Freire enchéronnos o ollo coa súa naturalidade e fonética ”, relata Igrexas. A pesar da súa curta idade, xa tiñan experiencia en teatro. A partir de aí, coas biblias e os guións escritos, levaron a cabo un intenso traballo coas personaxes, para que tamén elas descubrisen quen eran. A pesar de ser un traballo guionizado, “hai moito deles, sobre todo contra o final, cando se foron soltando máis”, di a produtora. Con todo, non nos deixemos enganar polas aparencias, non se trata dun traballo documental. “Empregamos códigos dos novos formatos: gráficos, gifs... pero é un traballo de ficción, aínda que xogamos coa ambigüidade”, incide.

“Non queriamos poñer  adultos a contarnos como vivir a sexualidade”, afirma Igrexas

A escolla de adolescentes para interpretaren os papeis era fundamental. “Non queriamos poñer  adultos a contarnos como vivir a sexualidade”, afirma Igrexas. Tan importante como facelo en galego era “falar da sexualidade non desde o medo”, como unha advertencia de protección, dos perigos que pode traer, senón “desde o goce, desde o coñecemento do corpo, os procesos de exploración e descuberta...”. E para Igrexas, “o feito de que sexa contado por elas contribúe a isto”. Ricardo Fandiño, de ASEIA, insiste na importancia da decisión de usar “unha canle que lles chegase e coa que puidesen ter unha certa interacción. Dar coa linguaxe non era doado. Eles dirán se o conseguimos”.

O primeiro capítulo céntrase na diversidade sexual, explicada por elas e para elas. Diante dalgúns temas, din as personaxes, “os profesores non sabían onde meterse”. Dun realismo e tenrura apreciábeis, as mensaxes son claras e contundentes: “non hai xente supermasculina ou superfeminina, é unha mestura”, di Edu cando ve cuestionada a súa identidade sexual polos seus xestos. Ante isto, a conclusión de Xela, que se recoñece sen complexos como lesbiana, resulta demoledora: “o futuro pasa por construír novas masculinidades”. Un compendio de temas necesarios e urxentes para a mocidade, desatendidos na oferta mediática galega, tanto pública como privada.

“Fomos educados no silencio, cando non na represión”, comenta Fandiño

O proxecto non engloba unicamente a parte audiovisual, senón que máis alá de falar abertamente e desde unha perspectiva positiva de temas aínda non normalizados en moitos casos, procura crear un contexto no que as adolescentes se sintan libres. “Fomos educados no silencio, cando non na represión”, comenta Fandiño, e “agora que o paradigma do tabú ten caído, temos acceso a información sen filtros”, o que tamén pode resultar contraproducente cando está sesgada. A webserie procura espertar a curiosidade das mozas para guiala á outra parte do que S.E.X. pretende ser, un traballo de asesoramento e consultoría profesional que levará a cabo ASEIA.

comentarios