Contracultura

Rosi Mella, 'Temible Olivina': "Quero ocupar espazos e demostrar que non hai un rap xenérico e un rap feminino"

Rosi Mella (As Neves, O Condado, 1996), máis coñecida baixo o nome artístico de Temible Olivina, é a DJ do grupo de rap Flow do toxo, mais tamén vén de comezar a súa carreira como cantante en solitario tras o lanzamento do seu primeiro tema, Esterco.
A artista Temible Olivina traballa no seu proxecto persoal ao tempo que fai parte do grupo Flow do toxo (Foto: Silvia Mella).
photo_camera A artista Temible Olivina traballa no seu proxecto persoal ao tempo que fai parte do grupo Flow do toxo (Foto: Silvia Mella).

—De onde nace Esterco?
Eu escribía poemas para min moi de vez en cando. Un día, falando cun par de amigos propuxéronme facer algo entre os tres e aí si que comecei a compor algo máis. É certo que nesa época tiña bastantes cousas que contar. En principio non tiña pensado sacalo á luz porque é unha maneira de abrirse á xente que te escoita, persoas que non te coñecen e persoas que si. Non sabes até que punto podes chegar. Aínda así decidinme a facelo e no seu momento gravei tres temas, un deles con máis enfado, outro retranqueiro e un terceiro máis tristón. 

Decidín lanzar Esterco porque creo que o enfado é o primeiro que debemos desbotar de nós, aquilo que nos fai ser horríbeis cando estamos nese estado. Tamén porque conta unha parte da miña historia persoal que tiña que sacar, porque despois de vivir unha relación de violencia non quero quedar máis calada. Quero denunciar calquera tipo de acoso e sinalar eses actos que se dan tamén dentro dos nosos propios espazos.

Creo que xa basta de sentir medo. Como tiña tantas cousas que contar, tiña esa necesidade de escribir, de estar co meu caderno a soas. Tamén axudou moito a terapia coa miña psicóloga, por suposto. Grazas a todo isto fun canalizando moitas cousas e aprendendo moito sobre min mesma. Tamén decidín tirarme á piscina do rap no panorama musical galego para ocupar espazos e para demostrar que non hai un rap xenérico e un rap feminino. 

—Mais xa facía música en grupo.
A música, desde pequena, sempre me gustou moito. Fun a clases de canto porque eu só berraba, mais o de estar nun grupo nunca foi unha idea que pasara pola miña cabeza até que miña irmá, ST, entrou en Flow do toxo con Laura e Xía. Entre as tres convencéronme para que me unira e comecei a aprender na miña casa, de maneira autodidacta, a traballar coa mesa. Lévame moito tempo e non vou dicir que non é difícil aprender desta maneira, mais desfruto moito facéndoo así, aínda que logo me pelexe con algunhas cousas porque non atopo os pasos que me faltan para chegar ao punto ao que quero chegar. 

Estar nun grupo tamén te permite explorar moitas cousas que ao mellor ti pensabas que non ías facer nunca ou que non eras capaz. Vas abrindo portas e descubrindo o que te gusta e o que non. Chegado un punto comecei a pensar que pasaría se me puña a musicalizar e a construír todas esas cousas que xa tiña escritas. É dicir, podería pertencer a dous proxectos sen problema: o meu e o de Flow do toxo. E tamén é un camiño: ao principio collía bases de internet para pórlles a letra até que comecei a aprender como transformalas e convertelas en algo meu. 

—Entón, sairán máis cousas de Temible Olivina en solitario?
Si. Xa teño catro temas gravados en estudo, o que pasa é que ao non dedicarme profesionalmente á música é un proceso que leva o seu tempo. Economicamente, se queres unha cousa ben feita e traballada, ten un custo. Entón, entre que quero sacar algún videoclip e cuestións relacionadas coa maqueta e os selos... Digamos que estamos intentando profesionalizar o proxecto e atalo ben para despois poder ensinalo con orgullo. Tamén está a cuestión de darlle moitas voltas ás cousas. É dicir, como podo eu transmitir todo o que teño que dicir e que chegue realmente? Para iso hai que mastigar moito.

Teño un pouco de todo, desde temas tristes até a retranca máis absoluta e de non calar nin unha. De feito, tamén teño un pequeno beef preparado. Por outra banda, ST e eu estamos intentando darlle forma a un LP que queremos sacar. Estamos póndolle moito amor e a idea é ir soltando pouco a pouco como vimos facendo até agora. Primeiro saquei eu Esterco e espero, dentro de pouco, poder sacar o meu segundo tema. A miña irmá sacou hai pouco Chiza demo, así que estamos aí caldeando o ambiente. 

Comentarios