Si, pode soar estraño, mesmo pode que se teñan dúbidas acerca da veracidade desta afirmación. Mais, en efecto, Rosalía de Castro, a Catedral de Santiago e o Celta de Vigo apareceron en varias ocasións nos cómics de Batman.
A coñecida franquía de banda deseñada que foi levada ao cinema é moi coñecida en todo o mundo e o famoso súper heroe, o "home morcego", é un dos máis recoñecidos da historia do xénero.
É por iso que se revela un tanto incomprensíbel como elementos da cultura galega foron acabar nesta banda deseñada estadounidense.

As imaxes foron compartidas na rede social Twitter polo ususario Asier Lorenzo (@Asier1100) que efectivamente sinalou a existencia destes coñecidos elementos galegos na famosa banda deseñada.
Segundo o propio Asier Lorenzo apuntou na rede social, as imaxes corresponden ao cómic Flashpoint Beyond #6 (publicado en 2022).
Mais este usuario de Twitter non finalizou a súa pesquisa aí, Lorenzo tamén fixo saber quen foi o artífice de que Rosalía, a Catedral de Santiago ou o Celta aparecesen nos debuxos.

Trátase do debuxante galego, coñecido polo seu nome de usuario en Twitter @xermanico que, ao ver as evidencias recoñeceu “pillástesme completamente”.
Hai máis referencias á Galiza?
O debuxante quixo profundar máis no tema e deixou un pequeno reto para aquelas persoas que tiveren interese en continuar a indagar: “Douvos unha pista, non é o único cómic no cal metín referencias dese tipo”.
“Non metín a Mostovoi salvando o planeta porque non me deixarían”, acrecentou o debuxante.

Agora fica nas mans do público encontrar esas referencias.