A banda deseñada cítase na Coruña en 'Viñetas desde o Atlántico'

Esta segunda feira inaugúrase o salón do cómic con varias exposicións e encontros coas persoas autoras.
O evento comeza esta segunda feira na Coruña. (Foto: Viñetas desde o Atlántico)
photo_camera O evento comeza esta segunda feira na Coruña. (Foto: Viñetas desde o Atlántico)

O salón do cómic Viñetas desde o Atlántico inaugura esta segunda feira, día 8, ás 19.00 horas, a súa XXV edición, que incluirá exposicións e encontros con autores e autoras.

A organización do evento explica que as persoas creadoras convidadas nesta edición conforman "o pasado, o presente e o futuro da banda deseñada", coa presenza de artistas noveis, emerxentes e consagradas.

"Todos eles e elas relevantes nos distintos campos polos que transita o cómic e a novela gráfica, a animación ou o cinema", engaden. Entre outros, estarán Alicia Jaraba, David Rubín ou Emma Ríos. Tamén participarán Juanjo Guarnido e Juan Díaz Canales.

Aliás, apunta que as persoas afeccionadas aos superheroes "gozarán coa obra de Jesús Alonso Iglesias, responsábel da imaxe do último e oscarizado gran éxito de animación cinematográfica, Spiderman: un novo universo".

Por outra parte, Carlos Portela e Sergi San Julián volven ao Viñetas para mostrar a súa novela gráfica A Conta Atrás, que inclúe a segunda parte até agora inédita e que traslada á traxedia do Prestige.

Alén das exposicións de orixinais, ao longo desta semana hai programados relatorios nos que os creadores e creadoras convidadas conversarán co seu público.

Exposicións

Ás exposicións situadas no Quiosco Alfonso, Palexco, Sala de Exposicións do Pazo de María Pita ou o Aquarium Finisterrae, que acollerán as mostras dos e das artistas, sumarase a Torre de Hércules.

O monumento será escenario dunha exposición cos carteis das 25 edicións de Viñetas desde o Atlántico coa que o público poderá repasar a historia do tradicional evento "nunha edición que pretende ser o resumo de todos estos anos, recollendo a esencia e filosofía nunha mostra única en España".

Comentarios