Contracultura

Roi Vicente: "Atráeme plasmar nunha escultura a fisionomía do cabalo galego que vive en liberdade"

Roi Vicente, consultor de profesión e escultor no seu tempo libre, coñecido como Sabuko, conversa con 'Nós Diario' sobre a cultura galega que intenta plasmar nas súas obras a través do barro e outros materiais como a pedra ou a madeira. Vicente fala de trasladar os temas dos que investiga ás súas figuras e das características do cabalo galego que son, como el di, "diferentes ás dun cabalo andaluz e ese tipo de detalles escápaselles á xente de Madrid".
O escultor Roi Vicente xunto a unha das súas esculturas máis recoñecidas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O escultor Roi Vicente xunto a unha das súas esculturas máis recoñecidas. (Foto: Nós Diario)

—Como combina a escultura coa súa profesión?
Aínda que son de Sabucedo (A Estrada), vivo en Madrid e a raíz dun compañeiro que tiña un grupo de folk aquí, Píntega Amarela, comecei a ir a un taller que tiña el por aquel entón. Comecei a xogar co barro e, loxicamente sendo de Sabucedo, o que máis me chamaba a atención eran os cabalos. De feito, as primeiras figuras que facía só eran cabalos. Despois dun tempo xa entrei noutra escola de escultura e comecei a practicar outro tipo de motivos e referencias, especialmente figuras humanas.

Actualmente vou á escola dous días á semana e dedícolle tempo na casa cando remato de traballar. Non sei se chamalo afección, é máis ben unha paixón, seguramente herdada da miña nai. Ela é mestra, mais sempre pintou e fixo gravados e non só os facía senón que despois vendía a obra. Supoño que herdei dela esta vea máis artística. Sigo facendo cabalos, que é algo que me gusta moito, mais tamén represento temas mitolóxicos e que teñen que ver coa terra.

—É unha cuestión de gustos ou un afán divulgativo?
En realidade fago todo isto porque é o que me nace. Se me gusta un tema intento trasladalo dalgún xeito á escultura. Se, unha vez feito, o publico en redes sociais ou o expoño e consigo achegalo a máis xente, mellor, mais non é esa a intención inicial nin na que penso cando estou traballando as esculturas.

Agora mesmo acabo de facer unha figura que vai representar Ith ou Breogán, aínda non o teño totalmente claro, como un guerreiro celta. Tamén teño na miña colección un druída; Teucro, como personaxe mitolóxico ligado a Pontevedra; e Leucoiña, esta serea ligada á lenda do propio Teucro. Gústame investigar sobre este tipo de temas e logo poder reflectilos baixo o meu punto de vista coa escultura. 

—Xa hai algunha exposición prevista na axenda?
Nestes momentos a miña intención é seguir aprendendo e desenvolvéndome. Xa fixen algunha exposición en Madrid, mais eran colectivas e quero comezar a facer algunhas individuais por Galiza. Tamén falei con xente de Portugal para facer algo no Porto.
Quero que a miña xente, que coñece estas figuras das redes sociais, poidan comezar a coñecelas en directo. Polo momento xa digo que considero isto unha paixón, teño tamén algunhas ofertas que me foron facendo, mais xa veremos o que ocorre nun tempo. 

—Tampouco é a mesma interpretación a que se fai en Madrid que na Galiza.
Claro. Onde aquí ven un cabalo na miña zona ven a mirada dunha besta de monte. A cabeza do cabalo de Sabucedo ten unhas características diferentes ás dun cabalo andaluz e ese tipo de detalles escápaselles á xente de Madrid. Atráeme moito plasmar nunha escultura esa mirada, a fisionomía do cabalo galego que vive en liberdade, non só relacionado coa Rapa das Bestas, aínda que tamén é algo que me encanta. 
Tamén fixen figuras dalgún gaiteiro e do Apalpador e evidentemente enténdense máis na Galiza. Con todo, a miña idea é tratar temáticas universais, que poidan gustar ou entenderse en calquera parte. Cando ven estas esculturas e contas a historia queren saber máis porque é algo que chama a atención. Nestes momentos estou tendendo a facer pezas máis expresionistas e que mesturen materiais: o barro coa pedra ou coa madeira. 

—Por que escolle o barro como elemento principal?
En Madrid é complicado aprender o oficio en pedra ou en madeira, que é algo que me encantaría. Penso que son materiais máis primarios ou máis nobres e si que me gustaría no futuro dominalos, pero é como todo na arte. Considero que estou constantemente aprendendo.

Comentarios