CONTRACULTURA

Roberto Rodríguez: "A obra estaba pensada como poemario na forma, mais no fondo era unha historia"

Roberto Rodríguez é o autor galardoado co Premio de Narracións Breves Manuel Murguía, polo seu relato 'Sinfonía a tres voces', pensada orixinalmente como un poema centrado na batalla de Stalingrado que tivo lugar no contexto da Primeira Guerra Mundial.

Roberto Rodríguez xa fora galardoado co Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro no ano 2020. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Roberto Rodríguez xa fora galardoado co Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro no ano 2020. (Foto: Nós Diario)

—Que significou saber que gañara o Premio Manuel Murguía?
Obviamente sobra dicir que foi unha ledicia moi grande, mais tamén foi unha sorpresa. E dígoo sinceramente porque aínda que o relato non ten nada que ver coa actual guerra de Rusia e Ucraína nin ten nada que ver un momento histórico con outro é certo que a día de hoxe hai unha certa rusofobia. De feito, realmente mandei o relato por mandalo, porque xa foron censurados relatorios sobre Tólstoi ou outras figuras, aínda que non teña nada que ver unha cousa con outra, polo que pensei que ía sufrir a mesma sorte.

Cando comecei a escribir a historia estaba pensada como un poemario, un pouco co fondo da existencia de Vasili Záitsev, un francotirador moi coñecido desta batalla. Desta idea saíu un primeiro poema e a partir de aí fun derivando outras e tamén engadindo cousas, até que ao final acabou sendo unha historia que seguía a tres personaxes, un deles o francotirador e outras dúas ficticias. Finalmente tomou forma de relato porque tamén había unha certa cronoloxía e inclusive hai varios momentos da historia nos que se van entrelazando os tres puntos de vista. 

—Por que darlle esa forma de relato?
En principio quería que fose un poemario cunha temática común. Teño outro poemario publicado no que as pezas contan cos seus nexos, mais están centrados en temáticas máis sociais como a paternidade. Isto nun principio xa estaba pensado como poemario no sentido da forma, mais no fondo era unha historia. Antes de presentarme a este concurso xa estivera vendo que había varios certames de relatos e pensei que era un formato ao que podía adaptar bastante ben o que eu tiña. Non é que decidira facelo a propósito para este concurso, mais si que foi pensando para que quedase ben e para lograr que se publicase dalgún modo. 

Non obstante, a poesía que eu fago é case sempre sen rima, salvo algunha excepción, porque non é algo que me guste. Tampouco escribo dun modo moi rimbombante nin utilizando demasiados adxectivos, polo que era bastante fácil adaptarme a este formato. O único que tiven que facer foi centrarme en adaptar os tempos de lectura, os espazos entre estrofas, que na narrativa son diferentes, ou cando menos eu o entendo así. 

—Está traballando nalgún outro proxecto?
Desde hai dous anos teño unha novela coa que estou intentando probar sorte, igual que fixen coa poesía ou co relato. Quero pensar que, de todas as maneiras, é unha novela un pouco especial porque ten algunhas partes que poden ser consideradas poesía así como outras que tamén se poden considerar ensaio. Polo momento xa a teño escrita e estou intentando probar sorte para publicala e tamén sigo escribindo poesías soltas, de forma que xa conto cun repertorio como para construír outro poemario que agardo que teña a sorte de saír tamén á luz. 

Esta novela trata as teóricas últimas 24 horas da vida dunha persoa condenada a morte e o que vai pensando e facendo nesas horas. Quixen intentar que fose moi realista no sentido do paso do tempo porque ás veces lemos novelas que din que nun diálogo pasan dúas horas e non obstante as intervencións que vemos nas páxinas só dan para ler cinco minutos. Quixen que fose algo moi lineal e críbel tamén no sentido das palabras. Hai veces, e falo como lector, que hai diálogos que non son críbeis e que para min non fan ningún favor á historia. Por exemplo, hai cousa dun ano lin unha novela que tiña lugar na guerra de Siria e había ocasións nos que os protagonistas pasaban por momentos moi complicados, mais cando lías os diálogos mantiñan un ton que a min me parecía demasiado poético para toda a situación que estaba tendo lugar. Por iso quixen intentar, e espero que quedase ben, que fose algo moi críbel, tanto nas palabras como no paso do tempo.   

Comentarios