DÍA DE ROSALÍA

Revolución rosaliana ao longo da Galiza

Un libro e unha flor polo 24 de febreiro, aniversario do nacemento da máxima figura da literatura galega, Rosalía de Castro. Os estudosos da figura e obra rosaliana Francisco Rodríguez e María Pilar García Negro, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o máximo responsábel da AELG, Cesáreo Sánchez, explican para Sermos Galiza o significado do 24 de febreiro, un día que nos últimos anos gañou relevancia no almanaque da Galiza.

[Imaxe: Real AcademiaGalega] De
photo_camera [Imaxe: Real Academia Galega] Detalle dunha acuarela de Rosalía feita pola súa filla Alexandra

3Algo se moveu desde que en 2010 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organizara o cortexo cívico entre o cemiterio da Adina até Bonaval con motivo dos 125 anos do pasamento de Rosalía. A partir de entón, a máxima figura da literatura galega entrou na rolda da recordación e o día do seu nacemento, o 24 de febreiro [naceu en 1837], cobrou especial relevancia no calendario. Así o explica María Pilar García Negro, unha das persoas que máis afondou na obra de Rosalía, “a efeméride do seu nacemento, con homenaxes varias do que denomina metacultura, ten un aspecto positivo, porque redunda nunha socialización do seu nome e da importancia da súa figura”. Advirte de que “isto nen é xeral nen está admitido polas institucións galegas de xeito unánime, nen moito menos leva aparellado un traballo básico de lectura, de coñecemento e de divulgación, non só de toda a riqueza e variedade da súa obra, senón dos seus eixos fundamentais, como patriota galega, como escritora multixenérica cun talento e unha renovación estética enormes e como feminista ou, se o queremos concentrar nunha única palabra, como revolucionaria”.

Explica García Negro que en Rosalía se xuntan “características absolutamente invulgares, non só unha grande intelixencia e unha cultura literaria e filosófica moi ampla, senón unha vontade permanente ao longo de toda a súa vida e obra por significar dignamente Galiza e por ansiar que fose un pobo libre e consciente de si”. Neste sentido, a estudosa afirma que “todo o que Rosalía proclamou e innovou continúan sendo para todas e todos nós expedientes abertos, porque non estamos a viver, en absoluto, nen na cultura nen na sociedade nen na política, as ansias e os desexos que ela expresou de forma inigualábel”. Así é que a profesora da UDC aposta en celebrar as efemérides rosaliana cunha “inclusiva socialización da súa imaxe”, posto que “continúa sendo, en grande parte, descoñecida nesa entraña radical e profunda da súa obra”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 285 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques. Lembra que segue á disposición de quen o desexe o especial publicado por Sermos Galiza, en colaboración coa Sociedade Cultural Medulio, Rosalía de Castro, a liberación das tebras, de balde na loxa]

Comentarios