Máis

A revolta irmandiña renace en Moeche

O despotismo dos señores feudais motivou o levantamento do campesiñado no século XV. A revolta irmandiña foi un movemento organizado constituído por labregos e labregas que se ergueu contra o poder estabelecido atacando os fortes dos seus señores. Hoxe o Castelo de Moeche é o escenario do Festival Irmandiño, proxecto que reivindica a historia galega. 
O castelo de Moeche (comarca de Ferrolterra) foi testemuña da guerra irmandiña que se produciu durante o século XV (Foto: Nós Diario).
photo_camera O castelo de Moeche (comarca de Ferrolterra) foi testemuña da guerra irmandiña que se produciu durante o século XV (Foto: Nós Diario).

Desde 1980, o Castelo de Moeche (Ferrolterra) é o espazo principal do Festival Irmandiño, proxecto que naceu co obxectivo de pór en valor a historia da Galiza e  conseguir que o castelo non se deteriorase máis e se mantivese como símbolo do concello. 

A construción do Castelo de Moeche suscita controversia entre a comunidade experta. O enxeñeiro Andrés Comerma sostén que a orixe do edificio está vinculada á casa de Lemos, herdeira da casa de Andrade. Porén, outras versións contradino, xa que o señor de Moeche desde 1336 era García Rodríguez de Valcárcel e a presenza do escudo desta familia nos muros do castelo fan pensar nel como o promotor da obra da fortaleza.

O castelo é un claro exemplo de construción defensiva que incorpora elementos propios deste tipo: torre alta, patio de armas, muros grosos, foxo... O número de estancias que hai na fortaleza e a amplitude das mesmas revelan que o edificio tamén puido asumir funcións administrativas e xudiciais. Estas atribucións encaixan co labor dos señores feudais, que naquel momento impartían xustiza na súa xurisdición.

Os traballos arqueolóxicos que se acometeron nas campañas de 1991 e 2002 permitiron coñecer máis acerca do castelo. Durante esas intervencións púidose determinar a natureza orixinal das estancias: espazo para a xente de armas, a cociña, habitacións dos servos, baluarte e a torre da homenaxe.

As campañas arqueolóxicas  tamén permitiron identificar a antigüidade das estruturas do castelo e coñecer os procesos de reforma que sufriu ao longo do tempo. Os achados foron reveladores: o castelo foi arrasado en 1466, durante a guerra irmandiña e reconstruído posteriormente.

Os materiais que se atoparon constitúen probas fidedignas dos distintos períodos de tempo que viviu o Castelo de Moeche. Entre os tesouros que xacían baixo os cascallos atopáronse cerámicas, moedas, obxectos de ferro e armas.

Crise do feudalismo

As relacións de vasalaxe que se estabelecían entre os señores e o resto da poboación comezaron a deteriorarse debido a que os nobres incumprían sistematicamente os seus compromisos.

O campesiñado comezou a organizarse arredor de novos líderes que tecían redes diferentes de apoio a través de refuxios, unha serie de agrupacións que máis tarde acuñarían o famoso nome de irmandiños. No ano 1431 fundouse a irmandade Fusquenlla, o primeiro ensaio do que máis tarde sería unha grande irmandade. O período de máximo esplendor da revolta irmandiña viviuse entre os anos 1466 e 1469, cando se estendeu por todo o territorio galego.

Nalgúns casos, os irmandiños contaron co apoio dos clérigos, aínda que a maior parte dos cargos eclesiásticos ofreceron o seu apoio aos señores para reprimir as veleidades revolucionarias das clases populares.

As irmandades conseguiron derribar centos de fortalezas e castelos, símbolo do sistema feudal. Durante un período breve de tempo, campesiños e campesiñas lograron conquistar o control das terras que traballaban. 

As casas nobres reaccionaron con celeridade agrupándose e organizando as súas tropas nunha fronte común contra os insurrectos. Segundo os textos e os rexistros que se conservan, Nuño Freire de Andrade foi o principal responsábel da vaga contrarrevolucionaria que esmagou os irmandiños.

Cando as tropas dos nobres derrotaron as irmandades, o grao de represión contra os membros máis coñecidos foi verdadeiramente brutal.

Festival irmandiño

O Festival Irmandiño de Moeche naceu cun claro espírito reivindicativo que puña en valor a memoria colectiva do pobo galego. Este ano celébrase a XLIV edición do festival.

Despois de máis de corenta edicións, a cita converteuse nun revulsivo moi importante para a economía da zona. En declaracións a Nós Diario, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoi, explicou que a celebración do Festival Irmandiño repercute na hostalaría e no número de visitantes do castelo, declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

A conservación do bo estado do edificio depende do financiamento das Administracións. A rexedora aclarou que o evento conta co apoio da Deputación da Coruña. A Asociación Cultural Irmandiños é a organizadora do evento e para levar a cabo o proxecto, conta cunha achega municipal de 6.000 euros. 

O evento comeza no día de hoxe ás 22 horas cunha repichoca popular no campo do propio festival. Durante a seguinte xornada, que será a do sábado, poderase visitar o Castelo de Moeche de forma gratuíta a partir das 11 horas. A partir do medio día, ás 13.30 horas, o público terá a oportunidade de asistir a unha sesión vermú no campo.

As crianzas tamén poderán desfrutar do evento co asalto infantil ao castelo que se celebrará ás 16.30 horas. Pouco despois, ás 18.30 comezará unha competición de xogos populares para as máis novas e novos que acudan.

O asalto ao castelo no que poderán participar as persoas adultas decorrerá o sábado despois do pregón que protagonizará o músico e activista cultural Jasper ás 0.30 horas. Ao longo da celebración haberá numerosas actuacións musicais. Os nomes que figuran no cartel son Andrés Penabad, Huntza, Banda Xangai e Bestas, que actuarán ao longo do sábado e Encrucillada e Os D'Abaixo fecharán o festival o domingo.

A transmisión interxeracional é un trazo identificativo do Festival Irmandiño xunto co feito de ser unha festa aberta. Para Beatriz Bascoi é a característica máis importante e salientábel: "Na miña opinión o significado máis importante que ten o Festival Irmandiño é ese valor de transmisión xeracional". 

A remuda na organización, de xeración en xeración

A remuda na organización do Irmandiño traspásase dunha xeración a outra. Algúns dos veciños e das veciñas que organizaron o evento por primeira vez aínda continúan vencellados aos preparativos do festexo. 

Participan homes e mulleres que sobrepasan os 70 anos de idade, e incluso os 80 cos seus netos e coas súas netas nun traballo feito man a man. Vémonos en Moeche!
 

Comentarios