mércores 12/08/20

A revista Journal of Galician Contemporary Studies dedícalle un monográfico ao “planeta” literario de Xabier Queipo

Máis de cen páxinas son as que a revista Journal of Galician Contemporany Studies lle dedica no seu último número á obra do escritor Xabier Queipo. 

Xavier Queipo (foto Cé Tomé)
Xavier Queipo (foto Cé Tomé)

Co título xenérico de “Espazos naturais, mobilidades textuais: novas perspectivas críticas sobre a obra de Xabier Queipo” a revista Journal of Galician Contemporany Studies reúne varios traballos arredor da obra do escritor nun monográfico con estudos de Martín Veiga, Enrique Santos Unamuno, Margarita García Candeira e David Miranda-Barreiro ademais dunha entrevista co autor e unha antoloxía de textos inéditos. 

O escritor Martín Veiga é o autor da longa conversa con Queipo ademais do texto introdutorio que fai a primeira achega a súa obra titulado  “Benvida ao planeta Queipo: mobilidade, outredade e viaxe interior en “Nos dominios de Leviatán”. 

Viaxes e natureza

A “xenealoxía dun imaxinario boreal” é o tema ao que se achega Enrique Santos Unamuno” mentres Margarita García Candeira afonda na súa poesía desde a ecolingüística co título “A natureza, refuxio e abismo”. Pola súa parte, David Miranda-Barreiro, aproximarase a outros dos grandes temas da narrativa de Xabier Queipo, o da viaxe. En “Extramunde: a narrativa da viaxe e o paradoxo da alteridade” volverá sobre a escrita dun autor que construíu moitas das súas historias en terras lonxanas. 

“A través dunha obra literaria ricaz e multifacética,Xavier Queipo confirmouse nos últimos anos como un  dos escritores galegos máis orixinais e que presentan unha proposta estética máis arriscada e novidosa.Dos primeiros relatos de Ártico e outros mares (1990) a Extramunde (2011), a súa derradeira novela ata o momento, a obra de Queipo, polo seu asumido carácter fronteirizo, ben podería esborrallar calquera teoría dos xéneros literarios” sinala Martín Veiga na introdución ao seu traballo no que defende a “total liberdade creadora”, dun escritor que visitou poesía e prosa de ficción, para adultos e público infantil e xuvenil, ademais doutros xéneros como ensaio, artigos xornalísticos ou crónicas radiofónicas xunto coa tradución literaria. 

“ A pluralidade do cultivo de xéneros literarios e a vocación experimental da obra de Queipo van acompañadas pola exploración de varios motivos e liñas temáticas que tamén percorren a súa produción con teimosía desde o comezo ata hoxe. Entre eles salientan principalmente a viaxe e o tránsito, a aventura e as ambientacións exóticas en mundos distantes (desde o Ártico ata o Trópico), a representación predominante dos espazos naturais, o emprego dos discursos e dos paradigmas da ciencia, e a defensa da tolerancia e a pluralidade” analisa Martín Veiga da obra de Xavier Queipo nunha revista que abre novas vías de análise do seu traballo literario e da súa posición como escritor. 

comentarios