A Deputación de Lugo, coa cultura de base: 338 axudas para promover lingua e patrimonio

A área de cultura ratificou esta terza feira, 19 de de decembro,a aprobación de 338 achegas.
'Xulio César', o mural de Diego AS, foi elixido mellor graffiti de 2021 (Foto: Nós Diario).
photo_camera 'Xulio César', o mural de Diego AS, foi elixido mellor graffiti de 2021. (Foto: Nós Diario).

O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou esta terza feira 19 de decembro, a listaxe definitiva das axudas de concorrencia competitiva para colectivos e asociacións culturais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.  Finalmente, foron concedidas 338 axudas para a organización de actividades culturais e para investimentos en equipamento e mellora de locais sociais, cun importe total de 375.000 euros. 

Entre as propostas financiadas nesta anualidade inclúense clases de música e de baile tradicional, obradoiros de teatro, de narración oral ou de pintura, documentais, publicación en papel, certames, xornadas sobre historia ou patrimonio, celebracións populares e outras actividades de posta en valor das tradicións e do patrimonio inmaterial que reciben financiamento a través desta convocatoria dirixida ao tecido asociativo e cultural de base. 

Da mesma maneira, as axudas para investimentos centráronse na adquisición de moblaxe e dos materiais de uso técnico ou artístico necesario para o uso social e cultural dos locais das distintas asociacións. 

O importe destas axudas oscila entre os 500 e os 3.000 euros, en función dos criterios estabelecidos nas bases da convocatoria. A deputada Iria Castro lembrou que "desde a área de Cultura da Deputación case se duplicou o orzamento respecto a anos anteriores, o que permitiu, ao mesmo tempo, practicamente dobrar o número de asociacións beneficiarias”. 

"Este conxunto de iniciativas permite garantir o acceso á cultura á cidadanía de todo o territorio, así como promocionar o uso da lingua e a posta en valor do patrimonio", sinalou a responsábel provincial.  

Comentarios