Máis

Un reino para as bestas

Do 7 ao 9 de xullo todo vira ao redor dun curro.
A Rapa das Bestas de Sabucedo é unha das festas máis iconográficas da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera A Rapa das Bestas de Sabucedo é unha das festas máis iconográficas da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Do 7 ao 9 de xullo vai ter lugar en Sabucedo (parroquia da Estrada) a Rapa das Bestas, unha das romarías máis antigas da Galiza e declarada Festa de Interese Turístico Internacional. O seu foco principal céntrase no curro, onde, alén de cortaren as crinas dos animais, ten lugar a desparasitación interna dos cabalos.

Mais antes dos acurramentos, reviste unha grande importancia o ascenso ás zonas altas de Montouto para localizar e xuntar as greas, antes do mediodía, nas Lamas, ao pé do monte Cábado.

Son milleiros as persoas que agardan a chegada dos cabalos a Sabucedo para ver como se dirixen a Cataroi, unha grande extensión valada, onde fican até seren desprazadas ao curro.

Todo este proceso vívese como un símbolo de orgullo e identidade en Sabucedo e áreas próximas, malia que daqueles montes que hai centos e centos de anos estaban ateigados de cabalos salvaxes dos que fica constancia nos petróglifos tan só quedan ao redor de 400. O descenso do número de bestas é acusado no conxunto da Galiza: 8.000, menos da metade que hai dez anos.

Mais a rapa de Sabucedo, que funde as súas raíces séculos atrás, mantense viva. Hai outras rapas polo territorio galego (Oia, A Capelada, A Pastoriza-Mondoñedo, Boimente-Viveiro...) mais ningunha coa vitalidade, autenticidade e poder de atracción da estradense. 

O cabalo, a besta, é a protagonista. O Cabalo de Pura Raza Galega (PRG) é a denominación oficial do subtipo de raza de cabalos Equus caballus de pequeno tamaño que habita na Galiza e que é o verdadeiro protagonista estes días en Sabucedo. O eixo sobre o que vira unha celebración que tamén ten sitio para a música, a gastronomía, a paisaxe e o convivio.

Comentarios