Regresa o Festival Groba para achegar a música clásica a todos os públicos

Este festival de música de cámara terá lugar do 11 ao 18 de agosto en Ponteareas e promocionará, segundo a organización, músicos galegos dentro dun programa que ofrece concertos de recoñecidos músicos internacionais.

OCG
photo_camera Orquestra de Cámara Galega, orquestra residente do Festival Groba

O obxectivo deste festival é, segundo Rogelio Groba Otero -director artístico e fillo do compositor-, é promocionar "os músicos da terra e facelos convivir e compartir cartaz durante estes nove días con músicos recoñecidos do panorama internacional". Alén disto, a súa intención é achegar a música de cámara ao público e facela máis accesible: “Queremos levar a música clásica ao maior número de persoas coa orixinalidade e privilexio de levar o nome dun compositor vivo que segue a crear, a compor e a traballar ofrecendo a posibilidade aos novos músicos de coñecelo e de traballar conxuntamente”.

Músicos galegos como o violinista Pablo Vidal ou o israelí Guy Braunstein danse a man no V Festival Groba. Clara Jumi Kang ao violín, á viola Miguel Dasilva e Helene Deisant, ao cello Anastasia Kobekina e tamén Leonard Elschenbroich ou ZVI Plesser e a ponteareá Alba Reirís ou o compostelá Manuel Lorenzo comparten cartel cos pianistas Sunwook Kim, Julien Quentin, Anna Crexells e Antía Couto e tamén cos frautistas Gili Shwarzman, Bernabé Simes ou a soprano Isabella Gaudí, sen esquecer a Ramón Pérez ao clavicémbalo e ao compositor Luis Álvarez.


Oferta formativa

En canto á vertente de formación artística para o alumnado participante, o festival centrará o seu repertorio nos conxuntos de cordas e piano. Ademais, prestarase unha atención especial á divulgación do compositores galegos, concretamente ao compositor lucense Luis Álvarez Cabado e, consonte aos obxectivos da iniciativa, ao mestre Rogelio Groba. Este ano, en colaboración coa Fundación Groba, o festival estreará “Na suaviña”, unha obra escrita especificamente para a ocasión polo compositor ponteareán, creada para soprano e orquestra. 

Outras composicións de Groba, xunto con pezas habituais do repertorio internacional de autores como Haendel, Brahms, Mendelssohn, Holst, Telemann e Dvorak completan a oferta musical do festival. Este ano os artistas nacionais e internacionais convidados interpretarán algunhas das obras máis aclamadas polo público nas edicións anteriores convertendo así esta edición nunha especie de caleidoscopio histórico das actividades artísticas do festival. 

Comentarios