Máis

Redondela baila con disfraces e máscaras

O entroido é unha das tradicións con maior arraigamento no país. E alén das datas tradicionais, na tempada estival distintas localidades realizan a súa particular interpretación desta festa. Redondela incorpórase esta semana á listaxe de concellos que xa celebraron este 2023 o seu entroido de verán.
Entroidos
photo_camera Á esquerda, entroido de verán de Redondela. Á dereita, entroidos estivais A Caniza (arriba) e Salceda (abaixo).

Esta semana Redondela (comarca de Vigo) volverá lucir os traxes e as indumentarias máis orixinais no seu entroido. A cita celebra a súa XXIV edición con música e actividades infantís.

A Concellaría de Turismo de Redondela volve apostar un ano máis pola celebración da festa do entroido de verán, un dos eventos máis característicos da vila. A partir das 18 horas destes sábado 19 de agosto, o público infantil poderá desfrutar dunha ampla variedade de actividades que estarán repartidas por toda a cidade e que inclúen xogos, atraccións, bailes, monicreques, deportes e cancións.

Os máis deportistas poderán xogar ao fútbol e ao baloncesto nunha zona da praza de Lenda habilitada para ese fin. Non moi lonxe de alí, na praza da Torre, estarán o touro mecánico e o inchábel eliminator, ideais para as crianzas que estean buscando acción e emoción. Na pista da Xunqueira e na praza de Ponteareas haberá inchábeis con auga, unha das atraccións máis demandadas polas máis pequenas e pequenos.

Á tardiña, a partir das 21.30 horas, a cativada poderá xogar coa espuma nunha popular festa que se celebra na Xunqueira. A animación infantil inclúe o acompañamento musical dunha sesión dos DJ Carlos González e Borja Rúa, que transcorrerá desde as 20 horas até ás 21.30 horas, mentres nenas e nenos xogan nas atraccións.

 A programación contempla numerosas actuacións musicais para a noite. Un dos principais atractivos da noite é a gala drag, que comezará ás 21.30 horas e se prolongará até as 23 horas, con Cristian de Samil como mestre de cerimonias. Durante o espectáculo musical, tamén se organizarán algúns concursos.

O ciclo de concertos comezará a partir das 23 horas. O inicio da noite correrá a cargo do grupo A Quinkillada, que animará a cita cunha "Verbena-Fusión-Rap". Este espectáculo inclúe temas propios cunha gran variedade de rexistros. O título do seu primeiro traballo Gozar, Sentir, Bailar sintetiza moi ben o seu carácter festivo.

E ás 0.30 horas Ortiga tomará o relevo no escenario. Manuel González, alias 'Chicho do Funk',  comezou en 2019 o proxecto musical Ortiga. Antes formou parte doutras agrupacións como dúo Esteban & Manuel e tamén de Boyanka Kostova. 

A pesar do éxito que cultivou nos últimos tempos, o artista compostelán non esquece as súas raíces. En moitas das súas actuacións introduce referencias aos seus achegados e á súa terra, moi presente na súa traxectoria.

Ortiga conxuga nos seus temas ritmos actuais coa tradición máis brillante da música galega. A relación de Ortiga con artistas consolidadas como Pili Pampín demostra a gran versatilidade do músico compostelán. Xunto a ela versionou clásicos como Eu chorar chorei ou O galo.

A seguinte actuación será a do artista Dasoul. Este músico, autor de grandes éxitos latinos, interpretará en Redondela os seus temas máis bailábeis, nos que mestura funk e electrónica.

A cita rematará xa entrada a madrugada co espectáculo musical do DJ redondelán Rodri Vegas, que será o encargado de fechar unha máis que asegurada festa do entroido. 

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explicou que o obxectivo principal do Concello é ofrecer unha programación "que teña en conta ao público de todas as idades, para que tanto as persoas adultas como as crianzas teñan o seu propio espazo con actividades específicas".

Ao longo do día estabeleceranse liñas de autobuses especiais de ida e volta a Redondela desde Vigo, Pontevedra e O Porriño igual que en anos anteriores. Os autobuses sairán con destino a Redondela desde diferentes puntos a partir das 18 horas, e haberá transporte de volta até as 6, que facilitarán o regreso das persoas asistentes.

Outros entroidos estivais

O entroido de Redondela pon o ramo a un verán que estivo cheo de disfraces e máscaras. Algúns concellos como Narón (Ferrolterra), A Caniza (A Paradanta), Salceda (comarca de Vigo), A Pobra de Trives (Terra de Trives), O Carballiño (comarca de Ourense) e Entrimo (Baixa Limia) xa celebraron a súa particular festa de entroido de verán.

A Pobra de Trives celebrou o entroido de verán nesta pasada din de semana grazas ao traballo da Asociación Cultural A Caniceira. Ademais, onte mesmo, o Concello de Entrimo celebrou o Entrifaz, unha celebración na que os protagonistas son os disfraces e a indumentaria da veciñanza.

Un dos primeiros concellos que celebraron o entroido de verán foi Salceda. A Asociación Xuvenil Nós Somos Nós foi a promotora do entroido, que se celebrou o 7 de xullo. A festa contou coa participación da charanga SGHAE.

O Carballiño escolleu o día 15 de xullo para organizar o seu entroido, que se celebrou na praza Maior da vila. O evento contou coa actuación da Charanga CLK e Doutor Anchoa e co espectáculo Disco Móbil Radical que acompañou o baile de máscaras que se celebrou.

O 29 de xullo foi a quenda da Caniza. O evento, impulsado polo club Balonmán A Caniza en colaboración coa Asociación de Comerciantes da Caniza, Redecría, hostalaría e o Concello da Cañiza, reuniu máis de 2.000 asistentes a pesar do mal tempo. A xornada estivo amenizada pola Charanga SDK que percorreu as rúas do centro da vila co seu ritmo animado. Contaron tamén con desfile e co esperado concurso de disfraces, que este ano contou cunha participación de 50 comparsas (24 na categoría grupal e 21 individual).

En Narón, o concello xunto coa Asociación Sociocultural ASCM organizaron a festa do entroido de verán o día 24 de xullo. O evento organizouse no marca das festas do barrio da Gándara. Na cita participaron tres comparsas moi populares: Argalleiros, Os Parrandolos e Os Colludos.

Trátanse estas citas estivais dunhas das máis esperadas do verán, sobre todo por aquelas e aqueles que máis gostan do entroido e que xa comezan a botalo de menos nada máis remataren as festas tradicionais. Mais agora teñen unha cita para volverse vestir de quen facer mofa, do superheroe que sempre quixeron ser, ou do máis simpático para resaltar en Redondela. 

O ano pasado víronse Tanxugueiras por múltiples rúas redondelás, máscaras de Putin e Zelenski para criticar as guerras, piratas, corsarios, cantantes de orquestras ou homes e mulleres da Idade de Pedra.

Comentarios