Redeiras Artesás e Igualdade da ANPA do CEIP A Barouta, Premios Begoña Caamaño

Esta quinta feira a Deputación da Coruña deu a coñecer as gañadoras do galardón que lembra á figura de xornalista e escritora Begoña Caamaño, finada en 2014. 
En primeiro termo María Obelleiro, á esquerda, e Xurxo Couto (Foto: Nós Diario).
photo_camera En primeiro termo María Obelleiro, á esquerda, e Xurxo Couto (Foto: Nós Diario).

A VI edición do Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero recaeu na Federación Galega de Redeiras Artesás 'O Peirao' na modalidade 'Traxectoria', e no Grupo de traballo de Igualdede e Xenero da ANPA do CEIP A Barouta (Ames) na modalidade 'Iniciativa'. 

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de fallar os galardóns contando co xurado formado pola directora de Nós Diario, María Obelleiro Hermida, a xornalista María Fernanda Tabarés, a  tiktoker María Rúa Rodríguez (@pradorua), Lucía Canoura, do Observatorio da Mariña pola Igualdade e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto. 

Segundo recolle o xurado no seu informe, da Federación Galega de Redeiras Artesás 'O Peirao' salientan "a dignificación que fan do traballo das mulleres no ámbito do mar, non só visibilizando as características singulares do seu labor, se non promovendo tamén actividades formativas destinadas á mellora das súas condicións sociolaborais".

Tamén valoraron "a posta en valor dun oficio esencial para a actividade marítimo-pesqueira e a vocación de vertebración do territorio que ten O Peirao, desde Ortegal ao Baixo Miño, tecendo rede nun colectivo cohesionado", concluíndo que "son merecedoras do premio polo seu carácter reivindicativo dentro dun sector no que as fendas de xénero están moi presentes". 

Igualdade educativa no CEIP Barouta

En relación ao Grupo de Traballo de Igualdade e Xénero ANPA do CEIP de Barouta, o informe recolle que "promoven unha estratexia coeducativa e sociocultural con destacadas e variadas actividades que dun xeito transversal impulsan a igualdade de xénero e preveñen a violencia, ademáis de trasladar un concepto diverso dos feminismos", así como "a súa vocación de desbordar os límites da comunidade educativa para empapar a toda a sociedade, inducindo hábitos de consumo cultural positivo nas familias a través das crianzas".

Comentarios