Contracultura

Rebeca Varela: "Represento a pluma como arma ou ferramenta para falar das cousas que pasan no mundo"

Rebeca Varela (A Coruña, 1984), coñecida como Perdivel, foi a encargada de realizar o cartel do Día da Ilustración deste ano, dedicado á figura de Xesús 'Chichi' Campos.
A coruñesa Rebeca Varela é ilustradora e deseñadora gráfica. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A coruñesa Rebeca Varela é ilustradora e deseñadora gráfica. (Foto: Nós Diario)

—En que se baseou para crear a ilustración para este cartel?
Non quería facer algo moi evidente e a verdade é que me deron bastante liberdade para deseñar o que se me fora ocorrendo. Neste caso, o Día da Ilustración está dedicado a Chichi Campos, polo que estiven investigando bastante arredor da súa figura. Nun primeiro momento pensei en facer unha especie de homenaxe para el, mais tamén se me ocorreu que a homenaxe fora máis xeral, cara á disciplina da ilustración en si. Estiven analizando os carteis de anos anteriores e decidín que a mellor opción era ser fiel ao meu estilo e á miña forma de facer as cousas.

Así, o deseño pretendía facer esta homenaxe á ilustración, mais tamén ter en conta a figura de Chichi. Partín da idea do conflito palestino, tamén pensando noutras guerras que hai no mundo, para pór de manifesto que a ilustración, a escrita e a arte en xeral son unha arma moi poderosa e que hai que usala ben. 

—Por que optou por unhavía máis simbólica e non tan evidente?
Presentei bosquexos e no primeiro quizais se vía máis esta idea, mais optamos por un que fose máis simbólico porque tampouco era o tema obxectivo do cartel. Así, ilustrei unha muller disparando cun arco e o que lanza é unha pluma de escribir. Pensei nesta ferramenta e non un lapis ou calquera outra porque Chichi Campos, alén de debuxante, era escritor e humorista gráfico. Representa algo máis da súa figura. Tamén hai pequenos detalles nos que se poden ver estas referencias nas que me inspirei para crear a ilustración, como o patrón de camuflaxe que leva ela no corpo, as pombas brancas voando, as nubes negras que parecen fume saíndo do punto do conflito... É moi simbólico, todo isto é o que representa para min, pero logo a interpretación que se lle fai desde fóra pode ser moi diversa.

Ao final a mensaxe básica é esa posibilidade de utilizar a pluma como arma ou como ferramenta para falar das cousas que pasan no mundo, de non quedar en silencio. Creo que encaixa ben coa homenaxe deste ano porque Chichi tamén era bastante crítico en xeral. Tampouco quería facer algo evidente sobre el porque a obra de Chichi xa fala por si mesma e hai moitas actividades e exposicións relacionadas con el. Preferín optar por facelo á miña maneira.

—Tivo unha boa acollida?
Tiña experiencia realizando este tipo de ilustracións porque xa fixera un traballo coa Biblioteca de Galiza para o Día das Letras Galegas cando se lle dedicou a Xela Arias e en ambos os casos tiven boa acollida, tanto por parte da organización como doutras persoas que se dedican á ilustración. Con todo, teño a sensación de que quizais non tivo un impacto máis aló falando no que respecta á ilustración en si. Ao final non son unha persoa moi coñecida e quizais nas redes sociais, aínda que movas as cousas, non chegan moi lonxe. Aínda así, estou moi contenta por todo o feedback que recibín e de feito xa estou traballando noutros proxectos, algúns que aínda están verdes, mais tamén outros relacionados co 8 de Marzo. 

—É complicado abrirse paso como ilustradora nas redes sociais?
É complicado, é un traballo en si mesmo. Hai unha presión de querer ensinar algo novo e non telo. Tampouco se ve un resultado dese esforzo, salvo que teñas moita sorte con algunha ilustración en concreto, pero hoxe  a visibilidade é moi complicada a non ser que dediques moito tempo a crear unha estratexia, o que impediría sacar tempo para o traballo en si, ou que teñas a capacidade de contratar alguén que impulse as túas redes. É un equilibrio complexo porque non queres dedicarlle moitas horas, mais tampouco queres non estar porque nunca sabes que traballo pode chegar, é un medio para que te coñezan.

Comentarios