A Real Academia Galega de Belas Artes homenaxea o escultor Asorei

A RAGBA celebra así Día das Artes Galegas 2024.
A mostra 'Os vieiros de Asorei' que se pode ver en Cambados. (Foto: Xurxo Lobato)
photo_camera A mostra 'Os vieiros de Asorei' que se pode ver en Cambados. (Foto: Xurxo Lobato)

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), no ano do seu 175 aniversario, homenaxeará este sábado, con motivo das celebracións do Día das Artes Galegas 2024, o escultor cambadés Francisco Asorei. O acto institucional en lembranza do escultor celebrarase ás 18.30 horas no Auditorio Municipal de Cambados (rúa San Francisco, 3), conducido polo xornalista Dani García.

O evento contará coa asistencia do presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo; o académico de número da sección de Arqueoloxía e Museoloxía da institución e colaborador de Nós Diario Felipe-Senén López Gómez, que pronunciará a laudatio “O escultor Asorei”; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta, Román Rodríguez González, e o alcalde de Cambados, Samuel Lago Ozón, ademais doutras autoridades institucionais e académicas.

Ademais do acto institucional público da tarde, os académicos da RAGBA asistirán a unha recepción oficial no Pazo de Fefiñáns ás 11.30 horas, e tras este encontro celebrarán sesión ordinaria da institución.

Xa ao mediodía os académicos reuniranse nun xantar de confraternidade nun restaurante da vila. Pola tarde, ás 16.30 horas, as académicas e os académicos farán unha visita polo barrio de Fefiñáns, percorrendo a Praza de Asorei, a rúa Real, a praza de Fefiñáns, a Casa do Museo de Cabanillas, Triana, a Ribeira de Fefiñáns, e o paseo da Calzada para ver a exposición Os vieiros de Asorei. A continuación, celebrarase un acto público de ofrenda dunha coroa de follas de carballo e loureiro ante a escultura de homenaxe a Asorei na praza da Naiciña, ás 17.30 horas.

A mostra Os vieiros de Asorei, comisariada polo académico Xurxo Lobato, inaugurouse o pasado 4 de marzo, organizada pola Academia coa colaboración do Concello de Cambados. Con fotografías de Lobato e textos do académico Felipe- Senén López, a exposición poderá visitarse no paseo da Calzada de Cambados (fronte ao Parador Nacional do Albariño) até o 4 de maio. 

Comentarios