Máis

Razo-Baldaio no corazón

Carballo pon en valor a súa biodiversidade.
 
euquerorazobaldaiodixital
photo_camera Participantes da actividade 'explorando as pozas da marea' o pasado 5 de xullo. (Foto: Adega)

O Concello de Carballo (Bergantiños); en colaboración coa Asociación Ambiental Senda Nova, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños e a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, vén de presentar as actividades enmarcadas no programa Eu quero Razo-Baldaio. Unha iniciativa que busca instaurar hábitos de turismo sostíbel ao tempo que avoga pola divulgación como forma de promocionar o respecto pola natureza.

Desde o pasado 5 de xullo e até o vindeiro 26 de agosto danse cita no Espazo Natural Razo-Baldaio, considerado Zona de Especial Protección para as aves, unha mestura de itinerarios, obradoiros e actividades de conservación para o ecosistema. Unhas accións que achegan un maior coñecemento sobre a biodiversidade da zona e que inclúen unha xornada de eliminación de especies invasoras, un roteiro nocturno pola Eira das meigas, un simulacro de rescate de cetáceos...

A meirande parte das actividades celébranse durante as cuartas feiras e os sábados dos meses de xullo e agosto, mais cómpre reservar praza porque a maioría contan cunha capacidade de 20 persoas. Isto coa finalidade de respectar un ecosistema de tal importancia e sensibilidade. As actividades son gratuítas e a reserva de praza pódese facer desde a web do concello (carballo.org), onde vén recollida a programación do proxecto. 

Como novidade este ano inclúese unha noite de astronomía (24 de agosto), coincidindo co último día no que se produce o fenómeno astrolóxico das Bágoas de san Lourenzo. Así mesmo, o proxecto mantense próximo a todas as idades, buscando inculcar na mocidade unha relación positiva coa natureza.

Comentarios