Sabucedo pon hoxe o ramo a unha multitudinaria e reivindicativa Rapa: "Queremos que as bestas sigan sendo ceibes"

A edición deste ano tivo un marcado carácter de protesta contra o inzamento de proxectos eólicos na contorna.
Un aloitador durante a Rapa das Bestas. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Un aloitador durante a Rapa das Bestas. (Foto: Agostime / Europa Press)

A parroquia estradense de Sabucedo acolleu un ano máis unha Rapa das Bestas, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, na que se deron cita miles de visitantes durante esta fin de semana. O deste domingo foi o segundo curro, logo de que o sábado as bestas fosen recollidas no Castelo pola tarde, contra as 19 horas, mentres que nesta xornada dominical o evento decorreu ao fío das 14 horas.

Para esta segunda feira, cando está previsto o terceiro e último curro, ás 11 horas abriranse as portas e a partir das 12h comezará o evento. Os gaiteiros Airiños de Caldelas amenizarán a conclusión da festa. Como cada ano, os 'aloitadores' son os encargados desa rapa, cumprindo os requisitos necesarios para poder pertencer a este selecto grupo.

Todo este proceso vívese como un símbolo de orgullo e identidade en Sabucedo e áreas próximas, malia que daqueles montes que hai centos e centos de anos estaban ateigados de cabalos salvaxes dos que fica constancia nos petróglifos tan só quedan ao redor de 400. O descenso do número de bestas é acusado no conxunto da Galiza: 8.000, menos da metade que hai dez anos.

Mais a rapa de Sabucedo, que funde as súas raíces séculos atrás, mantense viva. Hai outras rapas polo territorio galego (Oia, A Capelada, A Pastoriza-Mondoñedo, Boimente-Viveiro...) mais ningunha coa vitalidade, autenticidade e poder de atracción da estradense.

O cabalo, a besta, é a protagonista. O Cabalo de Pura Raza Galega (PRG) é a denominación oficial do subtipo de raza de cabalos Equus caballus de pequeno tamaño que habita na Galiza e que é o verdadeiro protagonista estes días en Sabucedo. O eixo sobre o que vira unha celebración que tamén ten sitio para a música, a gastronomía, a paisaxe e o convivio.

Contra a "invasión eólica"

A edición deste ano tivo un marcado carácter reivindicativo contra o que consideran unha "invasión eólica" do territorio. Desde A Rapa das Bestas rememoran as palabras de Rodrigo Sorogoyen, galardoado co Premio Goya á mellor dirección pola súa película 'As bestas': "Enerxía eólica si, pero non así", coas que censurou publicamente os catro proxectos eólicos que se planificaron no territorio onde habitan as mandas salvaxes de Sabucedo.

"Queremos que as nosas bestas sigan sendo ceibes, libres e bravas, queremos que a nosa forma de traballar non se perda", dixo o presidente da asociación, Paulo Vicente Monteagudo, antes dun dos curros, ao tempo que demandou "que as administracións nos acompañen" para facer unha oposición firme e frontal aos paques eólicos proxectados na contorna.

Comentarios