Contracultura

Ramiro Ledo: "Ver na Casa achega os filmes que distribuímos en versión orixinal con subtítulos en galego"

Ramiro Ledo, cineasta, dirixe Atalante, unha distribuidora de cinema independente e de autoría contemporánea que tamén busca pór a disposición do público filmes internacionais con subtítulos en galego. Ledo aborda outras liñas do proxecto, os riscos económicos e os cambios no público, xa que como el di “antes as salas de cinema marcaban a actualidade, os temas de conversa semanais”.
Ramiro Ledo, fundador e director de Atalante (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ramiro Ledo, fundador e director de Atalante (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu Atalante?

É unha continuación do traballo que empecei en Numax xa en 2014, onde era algo máis accesorio porque cada ano traballábamos cada vez con menos títulos, mais en 2019 a distribuidora independizouse da cooperativa. No momento no que se independiza Atalante comezou a gañar máis entidade e a converterse nun proxecto enteiro, desenvolvéndose distintas liñas e sendo unha delas a plataforma Ver na Casa. 

Desta forma, na web están dispoñíbeis os filmes que distribuímos, mais unha vez que xa pasan as fiestras de exhibición, aproximadamente catro meses desde a súa estrea en cines. Este é un servizo que damos para completar esta exposición dos filmes, mais non é un proxecto do que esperemos viabilidade. 

Vémolo como un complemento para facilitar a accesibilidade de filmes en versión orixinal, dos que practicamente todos están dispoñíbeis con subtítulos en galego e unha parte importante en catalán. 

Ofrecer estes subtítulos é unha aposta, mais tamén un risco?

A maioría dos títulos que hai dispoñíbeis con subtítulos en galego estano porque Atalante tomou esta iniciativa, algo que xa comezara con Numax. A título persoal sempre intentei facer esta aposta, independentemente de que houbera ou non apoios. Todos os títulos que foron subtitulados ao galego por Atalante antes de 2021 foron asumindo nós a totalidade dos custos.

Con apoio, as posibilidades son maiores evidentemente, e agora hai filmes pequenos que sen a Deputación da Coruña ou a Secretaría Xeral de Política Lingüística non poderían facerse en galego. A cuestión é que asumir este custo non ten por que implicar un maior retorno económico. 

Moitas veces as salas tampouco queren pór un filme subtitulado ao galego por prexuízos ou pola súa maneira de operar en concreto. Unha distribuidora tampouco pode obrigar unha sala a pór determinada lingua, mais o que si podemos facer é pór estes subtítulos á súa disposición. Ese é o noso punto de vista e é o que intentamos facer no que respecta tamén a carteis, títulos, tráilers, campañas de comunicación, etc. 

Os dereitos dos filmes cédense para o territorio español, o estándar é que a circulación teña este corte xeopolítico, polo que o deseño das estreas tamén é sempre de ámbito estatal. Poden facerse accións concretas en cidades ou provincias, dependendo do título, mais normalmente é así. 

Cal é a sensación, como distribuidora e cunha plataforma dixital, do consumo actual de cinema?

A liña Ver na Casa de Atalante non é tan significativa como o son outras plataformas máis grandes. Con todo, penso que aínda é cedo para facer unha valoración do que inflúen estas nas salas de cines ou no cambio de públicos entre unha fiestra de exhibición e outra. 

O certo é que durante moito tempo os cines estiveron fechados e a única maneira de ver os filmes era utilizar estas plataformas dixitais. Agora, quizais hai unha certa confusión por parte do público, que non sabe con certeza onde vai estar dispoñíbel un filme ou tamén porque se dá por suposto que os filmes van estar nas plataformas case inmediatamente e a un baixo custo. En realidade nada che asegura que vaia estar aí, alén de que tamén estarán por un tempo limitado porque os dereitos esgótanse. 

Tamén é un momento de dispersión da atención, porque antes as salas de cinema marcaban a actualidade, os temas de conversa semanais, mais agora penso que cada persoa atende ao que lle vai entrando. Diría que a asistencia está en recuperación e xa é unha análise non só como distribuidor, senón tamén como exhibidor, posto que tamén xestiono Duplex Cinema (Ferrol) e teño o punto de vista de ambos os lados.  

Comentarios