Contracultura

Emilia Somoza: "Se queremos recuperar o Entroido da rúa, as crianzas deben estar tamén aí, ao seu ritmo"

Este é Domingo Corredoiro e saen os Cigarróns ás rúas de Verín. Trátase dunha das citas máis destacadas do Entroido. Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos, aborda a programación deste ano na vila. Explica que se centra, especialmente, nas actividades infantís e en recuperar “unha festa que, para que luza de verdade, ten que ser de día e na rúa”. 
A concelleira Emilia Somoza aborda como será a celebración do Entroido (Foto: Nós Diario).
photo_camera A concelleira Emilia Somoza aborda como será a celebración do Entroido (Foto: Nós Diario).

Cales son os puntos fortes da programación do Entroido este ano?

A programación do Entroido sempre é para que a xente se divirta. En Verín temos festa desde o día 9 até o 21 deste mes. Antes había días puntuais que tiñan máis importancia, mais agora practicamente todos os días teñen a súa relevancia porque hai actividades distintas e iso permite que a maneira de vivilo tamén sexa diferente. A min gústame moito o Xoves de Comadres (16 de febreiro), non tanto a noite senón as actividades da mañá, porque é o desfile infantil. Contamos con 13 colexios da contorna que veñen desfilar, é moi emocionante porque ves crianzas de todos os cursos e víveno moitísimo, aínda que faga frío. 

E outro día que me gusta moito é o Venres de Compadreo, que é ao día seguinte do día de Comadres. Este era un día no que non había moito movemento, mais o que se fai é sacar uns carros pola rúa que van repartindo bica e licor café a xente que se achega. 

Rematamos no pavillón cunha festa e unha disco móbil onde tamén repartimos bocadillos de porco ao espeto. Veñen familias enteiras e é moi agradábel o ambiente que se crea. Ademais, este ano tamén estamos apostando moito por recuperar o Entroido da rúa, tamén para as crianzas.

Como se están potenciando as actividades infantís?

O Entroido é unha festa familiar e unha festa que, para que luza de verdade, ten que ser de día e na rúa. Isto fai posíbel que a familia saia e que todo mundo se divirta. No Entroido, ás veces, vemos como as crianzas van un pouco seguindo as nais e pais: se a familia se disfraza, as crianzas tamén; se a familia vai tomar algo ou desfilar, as crianzas tamén. Non tiñan un Entroido propio pensado especialmente para elas. Pouco a pouco fomos facendo unha especie de Entroidiño, cando menos para que tivesen un día especial, con música para elas e que puidesen desfrutar coas súas amizades; que fosen as protagonistas. Este día vai ser a segunda feira, mais tamén temos a idea de amplialo ao domingo pola tarde. 

En anos anteriores intentabámolo, mais acababan no pavillón e, se queremos recuperar o Entroido da rúa, as crianzas deben estar tamén aí. Non é cousa de levar inchábeis e xa, teñen que vivir o Entroido como o viven as persoas adultas, ao seu ritmo e a súa maneira, mais na rúa, con ruído e coa xente. 

Este vai ser o primeiro ano en que se poida celebrar un Entroido como o de antes da pandemia, non?

Si, porque o ano pasado non puidemos ter orquestras. Este vai ser o primeiro ano no que imos saír á rúa libremente, sen máscara, xuntos e xuntas. Hai moitas expectativas, inclusive xa desde o Nadal porque nos atopabamos con xente pola rúa e xa preguntaban se este ano íamos poder ter un Entroido como o de antes, se ían poder facerse as comparsas. 

Creo que, por todo isto, temos todos os elementos para que teñamos un bo entroido: desde o Concello poñemos a seguridade e a música na rúa e na praza e a xente terá que por a diversión. 

Outra novidade é a aplicación do Entroido

Pódese descargar a través dun código QR que se atopa na páxina do Entroido de Verín así como nos programas de man e cartaces. Así, toda a xente que veña desfrutar poderá ver en tempo real que actividades se están facendo e en que sitio e até lugares onde poder aparcar. As charangas levan un dispositivo de forma que mesmo as actividades móbiles poden atoparse no lugar exacto en que están actuando a cada momento. 

Ademais, a aplicación tamén ofrece información sobre o Entroido: carteis anteriores, a súa importancia, por que se celebra nestes días... É un proxecto que estamos experimentando este ano e que eu creo que vai vir para quedar e medrar.

Comentarios