Xosé Leal, deputado de Cultura e Normalización Lingüística da Depo

"Queremos que o Museo de Pontevedra sexa considerado o Museo Nacional de Galiza"

Democratización, transparencia e participación son os factores sobre os que incide Xosé Leal (Bueu, 1981) á fronte da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra. Entrevistamos o tamén concelleiro en Bueu no Sermos Galiza 238. Aquí, un extracto da conversa.

O museo é a xoia da coroa de Cultura. Como pode abrirse máis ás persoas?

Queremos poñer en valor o museo máis alá do ámbito no que está inserido. Ser un museo de referencia ten que significar que sexas coñecido, a promoción do museo debe ser un feito fundamental e vai ser unha das cuestións nas que vaiamos facer maior fincapé durante este ano. O 30 de decembro vaise facer o 90 aniversario da creación do museo, que tivo lugar a través dun acordo da Deputación de Pontevedra. Precisamente, tamén había un deputado de Bueu, Gaspar Massó, a efeméride tócame con outras circunstancias e outras ideoloxías (ri). Temos que facer fincapé en que é un museo con moito pasado, moito presente pero, sobre todo, ten moito futuro. É un museo vivo de cara ao futuro, en constante evolución e non se queda ancorado nun pasado esplendoroso, que sempre hai que dignificalo e a verdade é que contamos co museo nacional de Galiza. Aquí podes ver a evolución do país desde os seus comezos e ao máis actual e iso debe transmitirse ao resto de Galiza. Contamos cuns fondos que fan que realmente sexamos a envexa doutros museos. Si que temos que tentar que se visualice moito máis.

Castelao ten espazos de seu no museo, mais non todo está exposto.

Castelao ten as súas propias salas, eu creo que son unhas salas que ao longo dos anos tiveron moi boa evolución. Si que pode haber algún fondo gardado, como hai fondos de moitos outros autores que están para consulta para diversos estudos. Realmente, para poder expor todo o que ten o museo tanto de Castelao como doutros autores non teríamos que ter seis edificios, deberíamos ter 16. Está o caso dos orixinais do Album Nós, se se consegue que queden no museo, que haxa un empréstito, vai ser importante reorganizar as salas Castelao para que acollan estas cuestións, pero temos un problema de espazo físico. Isto non significa que non poidan ser visitábeis eses elementos; non están expostos como tal, pero si poden ser visitados, como sucede en calquera parte do mundo. 

Parte do éxito do museo é que soubo acoller moita obra de moito artista importante que, vendo a seriedade e bo facer do museo, confía no museo para que albergue parte da súa obra. Agora só temos aberto o Sexto Edificio e estamos co comezo da reforma do edificio inicial do museo, que eu creo que vai ser un proxecto moi interesante, pois vai permitir abrir de novo uns espazos que por non cumprir con requirimentos de accesibilidade levan máis de tres anos pechados e van ser outro dos fitos que marquemos na nosa etapa na Deputación. Xa conseguimos abrir as ruínas de Santo Domingos, que permanecían pechadas e é outro fito importante. Grazas a conservar as ruínas foi polo que se xerou a sociedade arqueolóxica que deu pé á creación do museo. En base a iso temos que ver que mantendo o noso pasado, promovendo o presente e tendo unha perspectiva de futuro hai que facer que o museo de Pontevedra sexa coñecido moito máis e sexa considerado o museo nacional de Galiza.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 238, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios