Noa Díaz denuncia "arbitrariedade" no reparto de axudas ao cinema

O PSdeG reclámalle ao Goberno galego que informe sobre as subvencións nominativas achegadas a festivais de cinema da Galiza.

A deputada do PSdeG Noa Díaz.
photo_camera A deputada do PSdeG Noa Díaz.

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de presentar unha iniciativa parlamentar na que alerta do “agravio comparativo” provocado polo goberno galego no reparto de fondos públicos para os festivais de cinema da Galiza. Díaz reclámalle á Consellaría de Cultura que presente por escrito un informe das subvencións nominativas que se concederon a este tipo de certames. 

A responsábel socialista sinala que o goberno galego distribúe unhas axudas escasas concedidas a través da Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais) en réxime de concorrencia competitiva, que compatibiliza con outras partidas concedidas “a dedo” dende outros organismos como a Axencia Galega de Turismo. É o caso, explica, do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), que este ano recibiu 385.000 euros de Turismo e outros 60.000 de Agadic, as dúas concedidas por convenio nominativo e sen que ese festival concorra á convocatoria pública de axudas. 

Alerta de que o de Ourense non é o único caso, e considera “incomprensíbel” que algúns festivais teñan que competir pola axuda mentres outros reciben de forma directa unhas contías que superan en moito o que calquera festival pode acadar en concorrencia competitiva. 

Díaz lembrou que os festivais e certames de cinema reciben hoxe un 25 por cento menos de orzamento da Xunta que co goberno bipartito de PSdeG e BNG encabezado polo socialista Pérez Touriño en 2009, cando había menos eventos. Sinalou que a Xunta concede só 225.000 euros a través da Agadic, moi por debaixo dos 300.000 daquel goberno e proporcionalmente moi inferior ao que dedican as deputacións da Coruña e de Pontevedra. 

Dixo que, se o marco administrativo e de financiamento dos festivais de cinema por parte da Xunta de Galiza é a liña de axudas de concorrencia competitiva ás que optan a maioría de festivais, “non se comprende que o financiamento autonómico dalgúns deles sexa a través de convenios nominativos”. 

Remarcou que “é menos explicábel que precisamente a axencia que convoca esa liña de subvencións sexa quen achega unha cantidade orzamentaria que supera en moito o que calquera festival concorrente pode acadar cada ano”. 

Díaz urxiu ao goberno galego a dar cumprimento do acordo aprobado na Cámara o pasado 7 de xullo polo que lle reclamaba á Xunta que realice un estudo do retorno económico dos festivais galegos de cinema e así poder incrementar a liña de axudas destinada a estes certames.

  

Comentarios