CAXIGUEIRO, ARTISTA PLÁSTICO

"A problemática social está desde sempre presente no meu traballo"

Máis que consolidado como escultor, sobre todo traballando con cerámica, a súa obra podemos atopala nas máis prestixiosas coleccións de arte galegas, como CGAC, Abanca ou Unión Fenosa. Agora Caxigueiro (Daniel Río, Mondoñedo, 1955) incorpora tamén as linguaxes da fotografía e da poesía á súa actividade artística, que podemos disfrutar mesmo na capa do libro 'Os nomes do terror'. Ou visitando en Foz 'Espazo Caritel', unha iniciativa na que combina arte contemporánea e xardinaría. 

caxigueiro
photo_camera Caxigueiro

- Caxigueiro é máis coñecido polo teu traballo no ámbito da cerámica, pero empezaches a traballar tamén a fotografía artística. Por que decidiches ampliar o teu traballo a esta disciplina?

- Eu coa cerámica levo traballando desde o comezo, é coa materia coa que me criei. Son de Mondoñedo e hai un centro de cerámica popular e sempre tiven unha relación moi natural con ela. O feito de ampliar á fotografía non foi nada programado, foi unha evolución bastante espontánea, no sentido de que podo explicarme con máis facilidade e facer propostas con menos tempo. Así que empecei a botar man da fotografía, porque a cerámica ten un proceso longo. Pero a medida que vas investigando vas atopando aspectos cos que non contabas e que fan que te intereses máis. E iso aconteceu. Á fotografía agora mesmo dedícolle practicamente o mesmo tempo que á cerámica e a escultura. 

portada-osnomes

- Es o autor da capa do libro de Sermos 'Os nomes do terror'. Como chegas a esta imaxe?

- A problemática social está desde sempre presente no meu traballo. Con esta imaxe intento representar a morte da inocencia. A relación coa represión fascista está moi presente desde sempre nos artistas plásticos, basta lembrar a Castelao, Díaz Valiño, Arturo Souto... e nunca deixou de preocupar a unha boa parte de nós. Neste caso, utilizo unha linguaxe metafórica, pero creo que bastante clara. 

- En que proxectos estás a traballar actualmente no ámbito da cerámica?

- Agora mesmo estou a traballar en dous temas moi diferentes. Un é un libro onde a fotografía e a poesía van da man. E o outro é unha serie de esculturas, a maioría realizadas en cerámica, que son o froito de imaxes fotográficas, que vou intentar realizar desde o punto de vista tridimensional. É xusto o contrario do que fago habitualmente. Son imaxes fotográficas, moitas proceden da natureza, e intentarei pasalas a linguaxe escultórica. 


- No proxecto de fotografía e poesía os textos son teus?

- Son, e tamén é algo que nestes últimos anos está bastante presente, mesmo a nivel público.  

- Tamén fas instalacións e obras efémeras. Algún proxecto actual nesta liña?

- Este proxecto escultórico supoño que finalmente acabará derivando cara a instalación, porque é a disciplina coa que máis gozo. E o normal é que cando preparo unha exposición individual, independentemente de que parta da escultura ou da fotografía, o normal é que acabe chegando ás lindes da instalación, porque me permite xogar dun xeito especial cos espazos. No meu traballo, o máis normal é que estas propostas acaben relacionándose coa instalación de xeito moi claro. 

Á fotografía agora mesmo dedícolle practicamente o mesmo tempo que á cerámica e a escultura.

- Hai algunha expo na que poidamos ver o teu traballo proximamente?

- Participei nunha mostra en Vigo onde distintos artistas plásticos dialogan coa obra de Laxeiro, non sei se aínda está aberta [pechou o 15 de xullo]. Á parte diso, no Espazo Caritel sempre hai unha exposición retrospectiva do meu traballo. Dígoo por se alguén se achega á Mariña e ten interese, aquí sempre hai unha selección de obras desde comezos dos 90 até agora. 

- Cóntanos como é este obradoiro teu chamado Espazo Caritel no que combinas arte e xardinaría en San Martiño de Mondoñedo (Foz), a carón da basílica románica. 

- Está directamente relacionado coa arte contemporánea e coa natureza. Trata de vincular estes dous aspectos. Por unha banda hai unha sala de exposicións onde está esta exposición retrospectiva do meu traballo, e por outra banda hai un xardín duns case 4.000 metros, con flora autóctona xunto con árbores e plantas procedentes de todos os continentes. Normalmente fago unha visita guiada por estes dous espazos. O xardín tamén acolle obras escultóricas, que están distribuídas entre árbores e plantas. 

A instalación é a disciplina coa que máis gozo

- Soa envexable. 

- Si, é un esforzo moi grande, sobre todo tendo en conta que aquí estamos dúas persoas levando todo isto adiante. 

- Non tedes ningún apoio público?

- Non, é unha proposta independente, bastante voluntariosa, e o único que hai é unha pequena entrada co obxectivo de manter isto en pé, porque o mantemento dun xardín ten un custo elevado. Pero en principio non hai ningún tipo de axuda pública. É o normal nestes tempos. 

- Unha parte importante da túa obra plástica reflicte o teu compromiso social como acontece coas túas instalacións sobre o Prestige, a guerra ou mesmo a lingua. Esa posición crítica como inflúe na túa actividade artística?

- Digamos que de xeito persoal é o que realmente sinto, co cal para min non é ningún tipo de esforzo nin postureo. Toda a vida o fixen así. A problemática social sempre estivo moi presente na miña obra, desde o mesmo comezo. Isto pode resultar problemático coas institucións, por exemplo, porque estar perto do poder sempre axuda a ter máis visibilidade, pero tampouco é algo moi diferente do que lle pasa a moita outra xente en moitos outros oficios. 

Comentarios