CONTRACULTURA

Primitivo Marcos, ilustrador: “O atractivo de ilustrar O paso do Noroeste foi máis grande que a súa dificultade"

O ilustrador Primitivo Marcos foi o encargado de pór imaxes á obra O paso do Noroeste, publicada por Xavier Queipo no ano 1996 e que agora edita Galaxia en forma de banda deseñada. 
Primitivo Marcos é debuxante, ilustrador e colaborador en prensa e programas de televisión. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Primitivo Marcos é debuxante, ilustrador e colaborador en prensa e programas de televisión. (Foto: Nós Diario)

—Quen tivo a idea de levar a historia á banda deseñada?
Tanto Xavier Queipo como Galaxia tiñan interese no proxecto e un amigo que Queipo e eu temos en común, o deseñador e debuxante Fausto Isorna, púxonos en contacto. Fausto coñecía o meu traballo e comentoulle a Xavier que eu podía ser a persoa axeitada. El comunicouse comigo e, aínda que para min supuña todo un reto porque nunca traballara cun guión alleo nin adaptara unha novela, o atractivo do proxecto foi máis grande que a súa dificultade, polo que acabei aceptando. 

—Como foi o proceso de atopar o estilo axeitado para contar a historia?
Foi un proceso de colaboración desde o principio. Xavier ocupouse de elixir as escenas da novela que aparecerían no libro e tamén de escribir os textos. Eu fixen a planificación das páxinas e a montaxe das viñetas. Ambos os dous tiñamos a liberdade de propor algún cambio no traballo do outro.

En todo caso, eses cambios foron mínimos, xa que ambos respectamos o traballo do outro en gran medida. Despois de que Xavier rematara de escribir os textos decidimos facer algunhas páxinas a modo de proba para presentarllas á editorial. Para a elaboración deste material, abordamos dúas cuestións relativas á forma que debía ter o libro: a cor e o estilo. 

Cando comezamos a traballar no proxecto, eu acabara de editar o meu anterior traballo, Viveiro 1810. Augas mortais, ambientada máis ou menos na mesma época e cunha temática similar. Utilizara escala de grises para colorear as páxinas e cor para as cubertas.

Pensamos que sería boa idea facer o mesmo neste caso porque queriamos un estilo o suficientemente detallado para retratar a época e o contexto: unha fragata da Armada Real francesa en misión aparentemente científica parte do Porto de Brest na busca dun paso que conectase o Estreito de Davis e o Estreito de Bering. Asemade, o estilo debía ser o suficientemente dinámico para darlle o ritmo necesario. Unha vez rematadas as páxinas de proba, reunímonos con Francisco Castro, que inmediatamente deu o seu visto e prace. O que tiña diante transportábao á súa infancia, ás novelas de aventuras adaptadas á banda deseñada. Esta reacción indicounos que camiñabamos pola senda correcta.

—Gran parte da historia é precisamente o transcorrer destas travesías oceánicas da época. Cales son as dificultades á hora de ilustralas?
A min non me importa debuxar banda deseñada ambientada en calquera época, mais teño preferencia polo xénero histórico. Como dicía, o meu penúltimo libro estaba ambientado case na mesma época e retrataba un contexto similar. Todo isto facía que eu tivera parte do camiño percorrido. Mais había unha diferenza e, polo tanto, unha dificultade engadida: O paso do Noroeste sería dez veces máis grande en número de viñetas, pero sería tamén dez veces máis grande en número de personaxes, de escenarios e paisaxes. Debía debuxar inuits e narvais, paisaxes árticos e osos polares, tartarugas mariñas, carabelas portuguesas e candorcas… A dificultade residía non tanto en debuxar un uniforme ou un inuit, por exemplo, senón en saber como eran.

Para poder retratar todo isto botei man de todos os medios de consulta que teño ao meu alcance: desde Internet e libros de arte até películas ou series de televisión. Teño que comentar que no comezo do proxecto Xavier regaloume un libro que trata da historia da busca do paso do Noroeste que foi de gran axuda. É unha persoa realmente xenerosa, non só no material, senón que desfruta compartindo a súa obra, o seu tempo e os seus enormes coñecementos.

Na actualidade estamos comezando a traballar nun novo proxecto xuntos. Trátase da adaptación de Extramunde, unha novela súa cargada de aventura, de retos, de selva, de mar e de viaxes, na que se mesturan a Galiza rural coa tribo dos cortadores de cabezas, a Igrexa omnipotente coa rebelión, a superstición e a loita pola supervivencia.

Comentarios