As poxas volverán á Romaría de Santo Antonio da Xestosa, en Muras

A veciñanza achega ofrendas durante dous días.
A procesión de Santo Antonio da Xestosa, o ano pasado (Foto: Nós Diario).
photo_camera A procesión de Santo Antonio da Xestosa, o ano pasado (Foto: Nós Diario).

Este sábado a capela de Santo Antonio da Xestosa, en Muras (A Terra Chá) volverá a ser o epicentro dunha das romarías máis coñecidas e singulares da comarca.

O evento relixioso, documentado en 1700 tras a visita que realizou ese ano á capela o bispo de Mondoñedo, mantén a particularidade de que se efectúan poxas despois da liturxia e a procesión. A romaría popular  consiste no paseo de catro santos: Santo Antonio de Padua, San Cosme, San Caetano e a Virxe das Dores.

A tradición das poxas mantense desde que se iniciou hai un século e realízanse durante dous días. De incalculábel valor, son unha a ofrenda ao Santo Antonio de Padua en agradecemento polas boas colleitas obtidas e tamén para pedir que sexan que volvan ser abondosas nas vindeiras tempadas.

Con esta intención, a veciñanza achega todo tipo de ofrendas que poden ser desde produtos da súa horta, como patacas ou millo, até elaborados como queixo ou pan.

Tampouco faltan os ovos por ducias, os lacóns e todo tipo de manxares. Nesta romaría mesmo se conservan as poxas de animais vivos na que se traen galiñas, quicas, coellos, pavos e, dependendo do ano, até cordeiros, recadándose, desta maneira, importantes cantidades de diñeiro. 

Peregrinación

A romaría tamén contaba antes coa súa peregrinación. Aínda hoxe a asociación Amigos dos Cabalos Atila, de Muras, fan a ruta a cabalo saíndo desde a vila e percorrendo o lugar.

Ademais, acompañan a procesión das catro imaxes ao redor da capela,  apoiando ás devotas e aos devotos, para quedan despois ao xantar popular da carpa que instala o Concello.

Antigamente tamén se facía este percorrido até a capela andando desde distintos puntos da comarca, camiñando e portando os animais e outros tipos de ofrenda para participar na poxa. Parte da ruta que se realizaba coincidía, desde Irixoa (As Mariñas),  co antigo camiño de Santo André de Teixido, en Cedeira (Ferrolterra).

Comentarios