Alfonso Zarauza sobre o Día de Rosalía

“Poucas nacións teñen unha poeta nacional muller e iso é un orgullo”

Que Rosalía de Castro é máis ca unha poeta xa é outro dos tópicos que orbitan arredor da súa figura. Mais non por iso resulta menos certo. A seis días do 181 aniversario do seu nacemento -o sábado 24 de febreiro-, mulleres e homes da sociedade galega explican a Sermos a súa relación coa escritora e a súa obra.
 

alfonso zarauza
photo_camera O cineasta Alfonso Zarauza. Foto: Cineuropa.

“Poucos países, poucas nacións, poucas literaturas teñen como poeta nacional unha muller. E iso é un orgullo”. Esa é a primeira resposta, case inmediata, que ofrece o cineasta Alfonso Zarauza (Santiago de Compostela, 1971) á pregunta sobre o significado da autora de Follas Novas na súa vida.

“Despois estudas outros poetas, pero para min Rosalía de Castro e Manuel Antonio, que estudei nos libros de bacharelato, seguen a ser os máis importantes”, esténdese, “outros gustos varían, e o que che gusta aos vinte anos xa non che gusta despois”. Poemas como A xustiza pola man ou Castellanos de Castilla, engade, axudáronlle a comprender Galiza e o “maltrato” á que “aínda hoxe” está sometida.

Zarauza, que triunfou nos cinemas co filme Os fenómenos (2014) e agora prepara a rodaxe de Ons, salienta “a rebeldía, a forza e a valentía” de Rosalía, “exactamente o contrario do estigma que sufriu. Que foi un estigma alleo”. “Ten moita vixencia, e chega a un de maneira moi especial”, di, antes de escoller os clásicos Cantares Gallegos (1863) e Follas Novas (1880) como referentes.

O director de Encallados (2013) ultima o financiamento de Ons, que filmará despois do verán na illa atlántica. E este ano debutou como produtor, neste caso da primeira longametraxe de Arima, da vasca residente en Galiza Jaione Camborda. “Trátase dun filme moi autoral, en galego, e atopar cartos resulta difícil. Arrúbiame chamarme produtor, porque ademais Jaione ten toda a liberdade para tomar calquera decisión. Pero creo moito neste filme”, conclúe. Camborda e Zarauza traballaron xuntos como coguinoistas da mencionada Os Fenómenos.

Comentarios