O portal 'Galicia encantada' celebra os seus 15 anos de lendas na rede

A páxina web Galicia Encantada (www.galiciaencantada.com) celebra mañá o seu décimoquinto aniversario na rede. O portal, toda unha enciclopedia da fantasía popular na Galiza, naceu un día 5 de marzo, sábado, do ano 2005, e conmemora a efeméride coa publicación dun libro.

Cartel conmemorativo de Galicia Encantada (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cartel conmemorativo de Galicia Encantada (Foto: Nós Diario).

A páxina web Galicia Encantada (www.galiciaencantada.com) celebra mañá o seu décimoquinto aniversario na rede. O portal, toda unha enciclopedia da fantasía popular na Galiza, naceu un día 5 de marzo, sábado, do ano 2005.

Logo de tres lustros na rede, Galicia Encantada continúa baixo a dirección do seu creador, coordinador e responsábel de contidos, Antonio Reigosa.

Nado en Mondoñedo en 1958, localidade da que exerce como cronista oficial, Reigosa é escritor, investigador e divulgador da cultura popular, con obras publicadas como o Dicionario dos Seres Míticos Galegos, a Pequena mitoloxía de Galicia ou Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías.

O mindoniense leva compilados en Galicia Encantada máis de 3.000 documentos sobre esa Galiza imaxinaria, mitos, lendas, ritos, contos, romances e "aventuras que se resisten ao esquecemento e que seguen vivindo na nosa memoria colectiva", tal e como el mesmo sinala.

Durante esta última década foron miles as persoas que entraron en Galicia Encantada -317.501, concretamente-, que abriron 443.439 sesións e visitaron 2.294.611 páxinas.

Un volume-tributo

Para conmemorar a efeméride, Galicia Encantada dará o salto do ciber-espazo ao formato papel, pois en vindeiras datas, aínda por determinar, Edicións Xerais tirará do prelo unha publicación tributo.

Baixo o título de  Guía de campo da Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan, a publicación contará, ademais, con ilustracións de Noemí López.

Comentarios