Máis

A ponte dos tres ríos

Un lugar no que conflúen as augas do ríos Miño, Sil e Búbal.
AdobeStock_372489080
photo_camera A ponte metálica dos Peares forma parte do corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo.

Na Ribeira Sacra sitúase a vila dos Peares, unha localidade catalogada como o territorio administrativo máis complexo da Galiza. Os Peares pertence a catro concellos; Nogueira de Ramuín, A Peroxa, Carballedo e Pantón; e a tres comarcas; Chantada, Terra de Lemos e Ourense. 

No ámbito hidrolóxico tamén é un lugar único: na contorna da vila conflúen tres ríos: o Miño,  o Sil e o Búbal. Sobre os seus caudais eríxese a ponte do tren dos Peares, unha estrutura de ferro pintado de azul pola que circulan a miúdo trens cargados con diferentes mercadorías.

A ponte preside a paisaxe dos Peares desde 1888, ano en que finalizou a súa construción. Desde que se inaugurou, esta infraestrutura desempeñou a función de vertebrar unha terra que ficaba illada.

A respecto do seu estilo, tan característico, algunhas voces aseguran que o proxecto seguía a escola do célebre enxeñeiro francés Gustave Eiffel, mais non existe ningunha evidencia que sexa concluínte alén do emprego de ferro na estrutura. 

A ponte eríxese sobre dous monumentais piares de pedra que sosteñen a plataforma pola que discorren as vías de ferro. Entre as columnas de pedra, hai un van de 50 metros de longo.

En paralelo ao ferrocarril habilitouse un pequeno paso de peóns, dun metro de ancho máis ou menos, que permite aos viandantes atravesar o Miño desde unha beira á outra. Un dos aspectos máis curiosos da ponte é que o seu azul característico non é a cor orixinal. Na súa orixe, a ponte era negra.

Desde febreiro a ponte atópase en obras. A estrutura permanece cuberta por unha lona branca que, segundo as explicacións de Adif, responde ao obxectivo de impedir o desprendemento de materiais que poidan contaminar o río Miño.

A actuación enmárcase nas obras de modernización que acomete desde hai un tempo a entidade pública no corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo (117 km). No seu comunicado oficial, Adif enumera as melloras proxectadas: a execución da electrificación do tramo Monforte-Lugo e a adaptación a 25 kV do sistema de electrificación no tramo Ourense-Monforte.

Comentarios