“Ponte... nas ondas”, vinte anos de enerxía polo patrimonio común galego-portugués

Máis de cincuenta centros educativos e catorce estudos de radio de Galiza e norte de Portugal conmemoran esta sexta feira o vinte aniversario de Ponte nas...ondas, un proxecto que uniu escolares de Galiza e norte de Portugal a través da radio e significou a máis popular iniciativa para pular polo patrimonio común. 

Ponte nas Ondas
photo_camera Ponte nas Ondas

A Xornada Multimedia de Comunicación “Ponte... nas Ondas!” chega a súa XX edición no encontro por medio da radio que xuntará, máis unha vez, esta sexta feira a escolares de 54 centros educativos e 14 estudos de radio de Galiza e Norte de Portugal.  O alumnado que suma enerxía na defensa dun patrimonio común ás dúas beiras do Miño son os protagonistas desta nova xornada que, de maneira especial, servirá para conmemorar as dúas décadas de historia dunha iniciativa que tivo o punto álxido coa presentación da candidatura a patrimonio inmaterial diante da Unesco. 

'Ponte... nas Ondas!' naceu en 1994 como “ponte” de comunicación entre Galiza e Portugal por medio de iniciativas interescolares, tanto a través da radio como de internet, ás dúas beiras do río mais estendéndose tamén a outros países de Latinoamérica. Desde o 2002, xunto co alumnado dos centros de ensino público participantes completouse o proceso con grupos de participantes das universidades galegas e portuguesas. A colaboración de UVIGO-TV en 2007 permitiu iniciar as emisións de televisión por internet. Durante a xornada reivindicarase unha canle de radio escolar, a seguir do recollido no Manifesto das Radios Escolares que se fixo público o pasado 13 de febreiro, Día Mundial da Radio.

Boas Ondas en seis categorías

Desta volta, nunha edición especial, “Ponte... nas ondas”premiará ao alumnado e docentes que contribúe a que esta iniciativa chegue con forza a este vinte aniversario coa creación dos premios Boas Ondas que recoñecerán o labor das persoas e centros participantes en seis categorías, mellor programa radiofónico gravado, en directo, en colaboración cunha emisora profesional, en vídeo, sobre algunha expresión do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués ou realizado fóra da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

A radio en directo será, outravolta, o eixo da xornada da sexta feira, nun programa especial que se iniciará ás 10:00 horas da mañá do día 30 e durará 24 horas. Coordinado por UNIGO-TV, a programación poderá seguirse en directo a través da páxina web  www.pontenasondas.org. 

De Pepetela  a Agustín Fernández Paz

Durante toda a xornada, grandes nomes da literatura da lusofonía participarán no programa , entre eles, Luís Cardoso desde Timor; desde Angola, Ana Paula Tavares e Artur Pestana "Pepetela"; desde Guiné-Bissau, Odete Semedo; desde Mozambique, Cremildo Bahule; desde Sao Tomé e Príncipe, Inocência Mata; desde Brasil, Luiz Rufato e Otto Winck; desde Portugal, Manuel Jorge Marmelo e Pedro Miguel Rocha; desde Cabo Verde, Germano Almeida; e desde Galiza, Suso de Toro, Agustín Fernández Paz, Rexina Vega, Rosalía Fernández Rial, Marta Dacosta, Carlos Quiroga, Ana Romaní e Antonio Reigosa. Tamén se farán conexións con voces da radio como Ana Romaní, Xurxo Souto, Xosé María Palmeiro, Carles Francino  ou Julia Otero. En canto á música, 2NaFronteira ou a caboverdiana Gabriela Mendes presentarán no programa temas compostos a  mantenta para a conmemoración deste vinte aniversario.

Comentarios