luns 17.02.2020

“Ponte... nas ondas!” conmemora vinte edicións con novos premios

“Boas ondas” é o nome dos premios para centros educativos que a organización de “Ponte... nas ondas!” inaugura coa conmemoración da súa vixésima edición. O 30 de maio desenvolverase a xornada de comunicación cunha edición aberta. 

Ponte... nas ondas!
Ponte... nas ondas!

Os premios “Boas ondas” recoñecerán o mellor programa radiofónico gravado, o mellor programa en directo, o programa en colaboración cunha emisora profesional, o mellor programa en vídeo, o programa sobre algunha expresión do Patrimonio Inmaterial Galego-portugués e o mellor programa realizado fóra da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. 

A radio en directo será de novo protagonista da xornada de comunicación que se desenvolverá o día 30 de maio realizada desde diferentes emisoras galegas e do norte de Portugal onde se darán cita o alumnado de distintos centros educativos. 
 
As emisoras de Vilanova de Cerveira, Valença do Minho, Monçao, Melgaço, Montalegre, Chaves, Tui, Foz, Allariz, Palas de Rei, Culleredo, Ames, Fene, Redondela e Burela xa confirmaron a súa participación no encontro radiofónico que se coordinará desde o auditorio do reitorado da Universidade de Vigo e se poderá seguir a través de internet. 
 
 Reivindicación dunha canle propia 

Será tamén unha xornada de reivindicación xa que desde “Ponte... nas ondas!” aproveitarán a conmemoración para reclamar unha canle propia de radio para o ámbito escolar, como xa recolleron no Manifesto das Radios Escolares difundido o pasado 13 de febreiro, Día Mundial da Radio. 
  
 A XX edición da xornada multimedia servirá tamén para facer balance dunha iniciativa que naceu cunha xornada radiofónica mais se converteu nun amplo proxecto do que xurdiron libros-discos, certames de recollida de patrimonio, festival de teatro, mostras de oralidade e unha defensa dun patrimonio común galego-portugués que promoveron máis alá das nosas fronteiras. 

“Nesta vixésima edición dirixímonos aos centros educativos para que continúen a traballar neste ámbito , producindo programas sobre o noso patrimonio común para esta edición”, convidan desde a organización para unha edición que queren conmemorar de maneira especial, por vinte anos de traballo continuado nunha iniciativa de promoción e encontro a través dunha cultura común. 

comentarios