Unha ponte entre a Galiza e a Bretaña que pasa pola cultura e a tradición

A Asociación Breizh Galiza organiza este domingo, 25 de febreiro, un Fest Deiz, unha reunión comunitaria de música e baile que ben podería chamarse foliada
Kevrenn Alre, un grupo musical bretón, desfiando durante o Festival de Lorient de 2009.
photo_camera Kevrenn Alre, un grupo musical bretón, desfiando durante o Festival de Lorient de 2009.

Hanter dro, an dro, gavotte, ridée, bourrée,  dañs plinn, Rond Loudeag, scottish, Cercle circassien, chapeloisse... Son nomes de danzas bretoas que se poderán bailar na Galiza este domingo, 25 de febreiro, na Fest Deiz que organiza a Asociación Breizh Galiza na Nave de Vidán, en Santiago de Compostela. Unha actividade máis das moitas coas que, desde esta asociación, se propicia o achegamento entre a Galiza e a Bretaña. E se cadra, unha Fest Deiz é a mellor maneira de introducirse na cultura daquel país: trátase dunha reunión comunitara na que se interpreta música, se canta e se baila, e que comparte moitas das características que definen unha foliada.

"Son festas moi habituais na Bretaña, moi participativas e cun carácter moi interxeracional. Aquí comezamos a organizalas hai dez anos, aínda que cun pequeno parón por mor da pandemia", explica Isabelle Kerdudo, bretoa residente en Santiago desde hai tres décadas e presidenta de Breizh Galiza, en conversa con Nós Diario. "Falamos de danzas da Bretaña, pero existe unha gran diversidade dentro do país, e mesmo existen algúns xéneros procedentes doutros países celtas como Escocia que foron adoptadas como propias pola cultura bretoa". 

O programa deste domingo inclúe unha lectura de poemas en bretón acompañada pola arpa de Bleuen Le Friec -unha arpista bretoa que vive en Santiago-; o dúo de clarinete liderado por Pablo Pascual acompañado pola Asociación Monteira Danzas do Mundo, cuxo presidente, Suso Cancelas, dará algunhas pautas para seguir os bailes bretóns; o grupo compostelán Da VAB Trio (Xacobe Varela, Xavier Agra e María Blanco), que interpretará tamén repertorio bretón; e a formación viguesa Estatalá, especializada en músicas do mundo.

"Aproveitaremos tamén para celebrar o Día de Rosalía co recitado dalgúns dos seus poemas en bretón e para sortear antoloxías de poesía bretoa en galego e galega en bretón, o que sen dúbida permitirá unha maior difusión da literatura".

 

Impulsar lazos

Malia os múltiples lazos culturais que unen Galiza e a Bretaña -desde a forza da literatura e do imaxinario artúrico até as relacións no comercio marítimo, pasando polo bispo Maeloc e a literatura xacobea- a Galiza a Bretaña foron, durante moito tempo, relativamente alleas a unha á outra.

A directora de Breizh Galiza asegura, porén, que desde hai varias décadas existen lazos que unen os dous pobos.

"Hoxe a mocidade, mais tamén persoas de máis idade viaxan moito por razón de estudos ou de traballo e iso permite coñecer mellor realidades afastadas e recoñecer as que están próximas. Ademais, a nivel académico, sempre existiron figuras como a do meu profesor Bernard Le Gonidec, docente na Universidade de Rennes, que estudaron moito as relacións entre os dous países, que atoparon afinidades identitarias, e que lograron espertar a curiosidade, e a paixón, pola Galiza".

Nese nivel académico, Kerdudo inclúe moitas relacións creadas nas últimas décadas entre universidades e algunhas institucións como o Consello da Cultura Galega, pero subliña tamén a importancia que teñen outras manifestacións populares como, por exemplo, o Festival Intercéltico de Lorient.

 "Persoas como o xa finado Raúl Piñeiro convertéronse, no seu momento, nun vínculo imprescindíbel para ese intercambio musical entre os dous países. Fíxate que eu lembro que a primeira vez que vin a Alan Stivell foi no Festival Intercéltico de Moaña! Por iso hai que destacar que Lorient foi importante, pero hai toda unha serie de pequenos festivais, tanto na Bretaña como aquí, que permitiron a circulación de música, e de cultura en xeral, entre  os dous territorios. Existe unha atracción importante pola Galiza".

Curiosamente, Kerdudo cita o Xacobeo de 1993 como un acontecemento que popularizou a Galiza como destino turístico entre a poboación da Bretaña. "Quizais pola curiosidade de ser dúas fisterras, dous extremos continentais. Na Bretaña adóitase viaxar moito en autocaravana e, se te fixas, moitos deses vehículos que aparecen aquí con matrícula francesa son bretoas".

Pero ademais, existen vencellos institucionais que permiten que se continúe realizando un traballo de base, como os irmanamentos entre concellos.

"Desde a asociación sempre estamos dispostos a colaborar con todo tipo de iniciativas, pero estes irmanamentos son moi útiles cando hai persoas detrás que fan un seguimento das actividades que os maneñen vivos. O máis lonxevos é o que existe entre As Pontes e Lesneven, que mantén intercambios desde hai corenta anos. Desde as institucións pode facerse moitísimo non só no eido cultural, senón tamén no económico, onde tamén existen moitas semellanzas entre a Galiza e a Bretaña.

 

Proxectos ambiciosos

Breizh Galiza, efectivamente, non se limita a manter actividades culturais, senón que tamén -desde a súa completa independencia- presta o seu apoio a iniciativas institucionais que permitan unha maior fluidez nos intercambios. Por exemplo, teñen prevista a asistencia de Yann Rivallain, de Bretonnes et Bretons du Monde un organismo dependente do Consello Rexional da Bretaña que contribúe á fortalecer as redes vinculadas á diáspora bretoa.

A asociación, ademais, contribúe a vehicular  e vindicar a necesidade de proxectos de maior envergadura. "Nese sentido somos quizais moi ambiciosos, pero procuramos manter viva a demanda dunha liña aérea que una a Galiza coa Bretaña, porque é unha necesidade de moita xente que viaxa aquí non só por turismo, senón tamén por razóns profesionais. Por outra parte, fálase desde hai tempo dunha autoestrada do mar na que temos postas moi expectativas: que se poña en marcha un ferry que una Vigo con Brest ou con Nantes. Existen relacións económicas que o avalan: por exemplo, Citroen ten factorías en Vigo e en Rennes e utiliza o barco a Nantes. Se funciona para mercadorías podería funcionar perfectamente para pasaxeiros e, nese sentido, mantemos conversas con distintas institucións para tratar de impulsar un proxecto que estivo a piques de saír adiante varias veces".

 

Comentarios