Poesías da Galiza e da Bretaña irmandadas en dúas antoloxías

María Lopo presenta no Centro Ramón Piñeiro dúas antoloxías, unha de poesía galega en bretón e outra da bretoa en galego. Será na na cuarta feira 20 de novembro ás 20 horas.

María Lopo e Claudio Rodríguez Fer asinando libros no Festival de Lorient
photo_camera María Lopo e Claudio Rodríguez Fer asinando libros no Festival de Lorient

A cuarta feira 20 de novembro preséntanse ás 20 horas no Centro Ramón Piñeiro dúas antoloxías da ensaísta María Lopo: Barzhaz Bihan Galiza. Mostra de poesía galega, edición bilingüe galego-bretón, e Canto e contracanto. Antoloxía de poetas de Bretaña, composta por poemas en bretón, francés e inglés traducidos ao galego. Estas dúas obras xa foron presentadas no Festival Intercéltico de Lorient, cuxa edición de 2019 se dedicou á Galiza.

Para alén da intervención da autora, estarán presentes os co-tradutores bretóns: o filólogo Herve ar Bihan e o poeta Gwendal Denez. Igualmente, as poetas galegas Olga Novo e Claudio Rodríguez Fer ofrecerán un recital. Asistirán tamén o historiador Ramón Villares e o crítico Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro. Presidirá o acto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Todas as persoas asistentes ao acto recibirán cadanseu exemplar de ambas antoloxías.

María Lopo

A profesora e tradutora María Lopo, que exerceu a docencia na Universidade da Alta Bretaña, é autora de numerosas obras en galego, francés e bretón, especialmente sobre Galiza e o celtismo na nosa cultura, sobre Bretaña e a súa poesía, sobre o exilio republicano en Francia e sobre cuestións de xénero relacionadas coa ensinanza da lingua francesa. Precedendo a estas antoloxías, Lopo xa traducira ao galego varios poetas franceses, como Rimbaud, Guillevic ou Ferré, e bretóns, como Anjela Duval.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios