Diálogos

Unha ollada comparada entre a Galiza e a Bretaña

O Consello da Cultura Galega (CCG) revisa a relación entre a Galiza e Bretaña cun especial web que inclúe a edición das actas dun congreso realizado en 2017 que xuntou a investigadoras de ambos os dous territorios. Para acompañar esta publicación, recóllese o coloquio "Galicia-Bretaña: dúas nación culturais en conversa", un diálogo entre Ramón Villares e Christine Rivalan Guégo.
Aliñamentos en Carnac, no sur da Bretaña.
photo_camera Aliñamentos en Carnac, no sur da Bretaña.

Galicia-Bretaña. Olladas comparadas dá conta das similitudes físicas e culturais e da innegábel relación histórica das dúas nacións. O especial condensa as achegas do propios Villares e Jean François Botrel, así como de investigadoras de universidades galegas e bretoas que revisan, nunha perspectiva comparada, o campo da historia agraria (Jarnoux e Saavedra), da política no medio rural (Cabo), do nacionalismo político (De Juana e Carney), da identidade (Núñez Seixas e Le Coadic), da xeografía (Lois e David) e da literatura (Nogueira, Rivalan, Requeixo e Lama).

A publicación reserva un espazo especial para falar das similitudes literarias, cunha atención especial ao escritor Álvaro Cunqueiro, un autor que foi capaz de escribir a novela As crónicas do sochantre, de puro ambiente bretón, sen nunca estar na Bretaña, para comprobar, cando máis tarde alí viaxou, que maxín literario e realidade eran case a mesma cousa.

O coloquio que acompaña a publicación contempla a importancia da influencia mutua entre estes dous "finisterrae europeos". Rivalan recoñeceu a importancia da colaboración institucional, grazas á que foi posíbel ofrecer "unha perspectiva comparada" para albiscar "a situación en sectores destacados". Villares engade que nos axuda "a entender Bretaña e tamén a nós", pois, na súa opinión, serve alén da comparativa para construír "unha aprendizaxe mutua para saber o que era a Bretaña na Galiza e a Galiza na Bretaña". 

Comentarios