Máis

Unha viaxe á Galiza bretoa de Maeloc

A casa da cultura Poeta Manuel María de Foz acolle esta terza feira a partir das 20.30 horas unha palestra do historiador da UDC Alexandre Peres Vigo arredor da comunidade bretoa exiliada na Galiza sueva e sobre o seu dirixente máis coñecido, o bispo Maeloc. O acto, organizado pola asociación A Pomba do Arco, pretende botar luz sobre outro capítulo descoñecido do reino galego.
Basílica románica de San Martiño de Mondoñedo en Foz. (Foto: Jaume Meneses)
photo_camera Basílica románica de San Martiño de Mondoñedo en Foz. (Foto: Jaume Meneses)

A historia dos bretóns asentados na Galiza a partir do século V mantense como unha nebulosa, alén da diferente documentación que dá conta da participación dos cabezaleiros dese pobo nos concilios dos reis galegos até o século VII. Segundo o historiador especialista na Idade Media galega Anselmo López Carreira, “a achega do pobo bretón foi a derradeira que interveu na constitución da nacionalidade galega, xa que a chegada de visigodos, de musulmáns, aínda que fosen como servos, ou de francos foi un fenómeno puramente individual; como grupo compacto, a chegada dos bretóns é a derradeira”.

Os bretóns e as bretoas que arribaron na Galiza procedían de Britania, o que hoxe coñecemos como Gran Bretaña, e abandonaron as súas terras como consecuencia da invasión do seu territorio por parte de pobos xermánicos. A este respecto, López Carreira sinala que “o Imperio Romano retira as tropas para levalas a outras zonas da fronteira, de maneira que Britania queda desgornecida de efectivos e a defensa desa provincia fica en mans dos propios bretóns. É entón o momento da inxente cantidade de anglosaxóns que cruzan o Canal da Mancha e gran parte da poboación bretoa decide abandonar a terra”.

O pobo bretón abandonou Britania e dirixiuse a través do Canal da Mancha á Armórica, hoxe Bretaña, e outros chegaron até a costa norte da Galiza, entre Navia e Trasancos, aproveitando rutas de navegación ancestrais. Nesta liña, o profesor da UDC Alexandre Peres Vigo lembra que “orientada cara ás illas Británicas, a costa da Mariña leva séculos sendo o grande embarcadoiro da Galiza cantábrica. Desta singularidade foron ben conscientes algúns dos máis famosos xeógrafos da Antigüidade, tales como o naturalista romano Plinio “o vello” que describiu, con gran precisión, os diferentes pobos galaicos que habitaban esta rexión costeira hai máis de 2.000 anos”.

Peres Vigo lembra que “como tradicional punto de encontro atlántico, o certo é que ao longo da Idade Moderna a presenza de mercadores ingleses, bretóns ou portugueses nunca resultou estraña nos principais portos mariñaos como Viveiro ou Ribadeo. Na realidade, aqueles estreitos contactos xa se iniciaran moitos séculos atrás como proba o amplo e minucioso coñecemento da Mariña, xa visíbel en cartas xeográficas inglesas do século XII. Da vitalidade destas relacións comerciais -e tamén humanas- fala a presenza na propia cidade de Lugo de moedas chegadas desde a Inglaterra do século IX, en concreto do antigo reino de Northumbria, e talvez acuñadas durante o reinado de Raedwulf”.

O profesor da Universidade da Coruña revela que “se un acontecemento histórico extraordinario exemplifica como ningún outro as intensas relacións da Mariña co resto das costas bañadas polo mar Céltico, ese foi, sen lugar a dúbidas, o estabelecemento no seu territorio dunha comunidade bretoa cristiá. Un continxente orixinario da illa de Gran Bretaña, a antiga Britannia, que após asentarse na Mariña acabaría organizando un dos máis singulares bispados do reino da Galiza, a chamada diocese britoniense da que, co paso dos séculos, derivaría a actual diocese de Mondoñedo-Ferrol”.

Emigración masiva

A emigración a Galiza daquel continxente británico, que algúns autores como Pierre David cifran en perto de 5.000 persoas, explícase no marco dunhas relacións históricas que procedían de moitos séculos atrás. Neste sentido, López Carreira indica que “fálase de que o contacto coas illas Británicas podería remontarse ao Paleolítico, e a relación mantívose ao longo da época castrexa e da romana”.

O pasado da diocese dos bretóns que tivo o seu corazón na Mariña continúa a xerar paixóns, fóra e dentro das nosas fronteiras. Nesta liña, expón Peres Vigo que “a orixe, historia e evolución deste asentamento único no contexto galego e ibérico fálanos dun momento de grandes fluxos migratorios ao que se sumaba a emerxente Igrexa céltica da man dos grandes monxes viaxeiros irlandeses”. Neste punto, o profesor Alonso Romero destaca que unha viaxe por mar no século V entre as illas Británicas e a Galiza non duraba máis de tres días.

Peres Vigo pon de manifesto que “aínda fica por estudar en profundidade a figura máis sobranceira daquel grupo de bretóns ou britanos galegos, que non foi outra que un dos seus líderes espirituais máis célebres, o coñecido bispo britoniense Maeloc, quen xa aparece, no ano 572, asinando as actas do segundo concilio de Braga convocado polo rei galego Miro. Un xenuíno símbolo desta integración bretoa da que aínda fica tanto por dicir”.

Neste sentido, a historiografía coincide en que a Igrexa bretoa organizábase seguindo os criterios da igrexa céltica, exemplificada no caso irlandés. A diocese dos bretóns e das bretoas é distinta á das galaicas, que se nomeaban polo territorio en que se situaban. López Carreira asegura que “non parece que haxa un centro territorial, é unha diocese que comprende o territorio en que se asentaron os bretóns e que se estendía polo norte da actual Galiza e de Asturias”.

Precisamente, esta tese foi enunciada hai décadas polo grande especialista na temática, o historiador francés Pierre David, quen concluíu: “Á diocese non se lle atribuían distritos ben delimitados [...] en cambio, dependían dela os grupos relixiosos que existían entre os bretóns”.

Enigma

O centro espiritual da antiga diocese bretoa foi o enigmático “Monasterium Maximi”, mencionado nun concilio lucense celebrado no ano 569 e organizado a instancias de Teodomiro, entón rei de Galiza. "Non hai dúbida de que este se erixiu como un dos grandes centros eclesiásticos do reino de Galiza no século VI, rivalizando con urbes de pasado galaico-romano como Tui, Lugo ou a grandiosa Braga, capital histórica da primeira monarquía galega”, di Peres Vigo.

O emprazamento do “Monasterium Maximi” ou Mosteiro Máximo segue a levantar intensas discusións no ámbito académico. Porén, a opinión maioritaria sitúao en San Martiño de Mondoñedo (Foz), conservando a actual igrexa nunha das súas fachadas construcións do século V. Entre os defensores desta hipótese atópanse historiadores clásicos como o propio Benito Vicetto ou contemporáneos como o xa citado Anselmo López Carreira.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios