Máis

Polbo á Feira no Carballiño

Unha das citas máis importantes do verán
Polbo do Carballiño
photo_camera O polbo á feira é unha das receitas máis coñecidas e celebradas da gastronomía galega. / Sergio Martínez

A Festa do Polbo, que se celebra no Concello do Carballiño desde hai máis de 50 anos, é un dos eventos gastronómicos máis importantes da Galiza. Desde a súa orixe organízase o segundo domingo de agosto de cada ano, nunha contorna natural única: o parque municipal do Carballiño. 

Este espazo, construído en 1927, abarca unha extensión de trinta e dúas hectáreas nas que conviven árbores de diferentes especies (carballos, camelias, tileiros, bidueiros, cedros, eucaliptos, piñeiros etc.) e onde existen catro fontes naturais. 

A Festa do Polbo é un festexo que combina tradición, cultura e gastronomía nunha cita que cada vez esperta maior interese dentro e fóra do país. En 2022, foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

As polbeiras e os polbeiros traballan nun espazo aberto ao público, no que se pode observar o proceso completo de preparación do polbo. O motivo central desta edición, que será a número 61, é o Camiño Miñoto-Ribeiro, unha ruta do Camiño de Santiago que percorre parte da comarca do Carballiño. Este itinerario aspira a lograr proximamente a declaración oficial de Camiño Xacobeo.

A Festa do Polbo enmárcase nun período festivo do Concello do Carballiño que se prolonga durante dúas semanas. A programación inclúe actividades para todos os públicos.

O día 9 ten lugar na praza Maior un dos eventos máis celebrados, a preparación da tapa de polbo máis grande do mundo. Para cociñar o produto, que alcanza os 580 quilos, empregaranse 45 litros de aceite, 5 quilos de sal e 2 quilos de pemento en especia.

Comentarios